viernes, 20 de diciembre de 2013

Canción pra agardar un novo día

Non podemos durmir, anque é de noite,
porque temos que chamar polos irmaus,
anque a sombra i o vento nos escoite,
anque nos aten esprito, pés e maus.

Anque o noso carro parta polo eixe
e coma o demo beleza e poesía.
Anque o sono ronde e non nos deixe
saír cara o sol, á luz do día.

Non podemos durmir, anque a canseira
nos peche o corazón, ollos e mente.
Temos que espertar. E nesta xeira
berrarlle a todo o mundo, a toda a xente:

“¡Estamos enterrados entre nebras,
estamos afogados entre prantos!
¡Temos que basoirar tódalas tebras,
sepultar os arrepíos i os espantos!

Temos que encamiñarnos pro albor
i andar polo chao con pé seguro.
¡Temos que sementar amor e máis furor
para colleitar espranza e máis futuro!”


Manuel María: Canciós do lusco ao fusco (1970)

Versións:
A Quenlla: Canto de esperanza; Os tempos ainda non, non son chegados; 1986; Cara A, Corte 8



A Quenlla: Canto de esperanza; As nosas cancións, vol.2; 1998; Pista 7

(Reedición da versión do disco Os tempos ainda non, non son chegados, do ano 1986.)

No hay comentarios :

Publicar un comentario