domingo, 23 de febrero de 2014

Cantiga pra durmir a un neno

Celanova ten un vento,
Celanova un vento ten,
un vento peleriñante,
un vento que vai e ven.

Un vento que mais que vento
é un teimoso roncón
fungando polos tellados
con grave e tristeiro son.

Iste vento vagamundo,
vai coa lúa, ven co sol,
vai cos mozos, ven cos vellos,
vai coa neve, ven coa frol.

Vai coas nubes viaixeiras
por camiños de romaxe.
Ven co pandeiro da chuvia
repenicando a paisaxe.

De día vai cos paxaros
i anda a brincar polas hortas.
De noite ven cos morcegos
i anda a petar polas portas.

Meu neno, no teñas medo,
que iste vento é meu amigo
i anque rosma polas rúas
non te levará consigo.

Vento que vas á ventura,
¿non ollas cómo che aceno?
Vaite de aquí paseniño,
deixa dormir ó meu neno.

¿Onde se marchou mi padre
o ventiño reiseñol,
ventiño de doce gaita,
ónde se foi co seu fol?

O vento atópase canso
do seu constante bulir.
Deitouse nos piñeirales,
coma nun berce, a dormir.

I o vento que rebulía,
Celanova xa o non ten.
O meu neno está durmido
i o vento dormiu tamén.

Celso Emilio Ferreiro: Onde o mundo se chama Celanova (1975)

Versións:
Suso Vaamonde: Cantiga pra durmir a un neno; Limiar; 1979; Cara 2, Corte 1



Mareira: Cantiga pra durmir un neno; Mareira; 1980; Cara B, Corte 2



María do Ceo: Cantiga pra dormir un neno; No bico un cantar; 2010; Pista 15

No hay comentarios :

Publicar un comentario