martes, 16 de febrero de 2016

Mais o que ben quixo un día

Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corazón.
                       
 
               I
Aló nas tardes serenas,
aló nas tardes caladas,
fanse máis duras as penas
que nas brandas alboradas.
                       
 
Aló nas tardes sombrisas,
aló nas tardes escuras,
fanse máis cortas as risas,
máis negras as desventuras.
                       
 
Que non hai sera tranquila
para quen remorsos garda,
e máis presto se aniquila
canto máis á noite agarda.
                       
 
               II
Eu ben sei destos secretos
que se esconden nas entrañas,
que rebolen sempre inquietos
baixo mil formas estrañas.
                       
 
Eu ben sei destes tormentos
que consomen e devoran,
dos que fan xemer os ventos,
dos que morden cando choran.
                       
 
I anque ora sorrindo canto,
anque ora canto con brío,
tanto chorei, chorei tanto
como as auguiñas dun río.
                       
 
Tiven en pasados días,
fondas penas e pesares,
e chorei bágoas tan frías
como as auguiñas dos mares.
                       
 
Tiven tan fondos amores
e tan fondas amarguras,
que era fonte de dolores
nacida entre penas duras.
                       
 
               III
Ora río, ora contento
vou polas eiras cantando,
vendo de onda ven o vento
cando vou levar o gando.
                       
 
Ora con grande sosiego
durmo na beira das fontes,
durmo na beira dos regos,
durmo na punta dos montes.
                       
 
Mais ó que ben quixo un día,
si a querer ten afición,
sempre lle queda unha mágoa
dentro do seu corazón.
                       
 
Rosalía de Castro: Cantares gallegos (1863)

Versións:
Amancio Prada: Mais o que ben quixo un día; Rosalía de Castro; 1975; Pista 4



Xistra: Mais o que ben quixo un día; Temporal; 1989; Cara A, Corte 2



Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio; Airiños, aires; Rosas a Rosalía; 1997; Pista 17



Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio; Mais ó que ben quixo un día; Rosalía siempre; 2005; Pista 12

(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía, do ano 1997)



Carmen Rey: Aló; Meu; 2008; Pista 9



Najla Shami: Aló nas tardes; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 1



Narf: Nas tardes escuras; Nas tardes escuras; 2013; Pista 11



Amancio Prada e Pandereiteiras de Baio: Airiños, aires; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 12

(Reedición da versión do disco Rosas a Rosalía, do ano 1997)

No hay comentarios :

Publicar un comentario