miércoles, 25 de enero de 2017

¡Calade!

    Hai nas ribeiras verdes, hai nas risoñas praias
e nos penedos ásperos do noso inmenso mar,
fadas de estraño nome, de encantos non sabidos,
que só con nós comparten seu prácido folgar.

    Hai antre a sombra amante das nosas carballeiras,
e das curtiñas frescas no vívido esprendor,
e no romor das fontes, espritos cariñosos
que só ós que aquí naceron lles dan falas de amor.

    I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,
en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,
cores de brilo soave, de trasparencia húmida,
de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer.

    Vós, pois, os que naceches na orela doutros mares,
que vos quentás á llama de vivos lumiares,
que só vivir vos compre baixo un ardente sol,
calá, se n'entendedes encantos destos lares,
cal, n'entendendo os vosos, tamén calamos nós.

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:
O val das mouras: ¡Calade!; Rosalía; 2015; Pista 5

No hay comentarios :

Publicar un comentario