sábado, 28 de enero de 2017

Cando a luniña aparece

    Cando a luniña aparece
i o sol nos mares se esconde,
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme.
Quedan as veigas sin xente,
sin ovelliñas os montes,
a fonte sin rosas vivas,
os árbores sin cantores.
Medroso o vento que pasa
os pinos xigantes move,
i á voz que levanta triste,
outra máis triste responde.
Son as campanas que tocan,
que tocan en sons de morte,
i ó corasón din: "N'olvides
ós que para sempre dormen."

    ¡Qué triste! ¡Qué hora tan triste
aquela en que o sol se esconde,
en que as estreliñas pálidas
tímidamente relosen!
Aló as montañas confusas
de espesas niebras se croben,
i a casa branca en que el vive,
en sobra espesa se envolve.
En vano miro e máis miro,
que os velos da negra noite
entre ela i os meus olliños
traidoramente se poñen.

    ¿Qué fas ti mentras, meu ben?
Dime dónde estás, en dónde,
que te aspero e nunca chegas,
que te amo e non respondes.
¿Morreches, meu queridiño?
¿O mar sin fondo tragóute?
¿Leváronte as ondas feras
ou te perdeches nos montes?
Vou perguntando ós airiños,
vou perguntando ós pastores,
ás verdes ondas pergunto
e ninguén, ¡ai!, me reponde.
Os aires mudiños pasan,
os pastoriños non me oien,
i as xordas ondas fervendo
contra os penedos se rompen.
Mais ti non morreche, ingrato,
nin te perdeches nos montes;
ti, quisáis, mentras que eu peno,
dos meus pesares te goces.
¡Coitada de min! ¡Coitada!
Que este meu peitiño nobre
foi para ti deble xunco
que ó menor vento se torce.
¡I en recompensa ti olvídasme!
Dasme fel e dasme morte...
¡Que éste é o pago, desdichada,
que á que ben quer dan os homes!
Mais ¡qué importa!, ben te quixen...
Querréite sempre... Así compre
a quen con grande firmesa
vidiña i alma entregóuche.

    Aí tes o meu corasón,
si o queres matar ben podes:
pero, como estás ti dentro,
tamén, si ti o matas, morres.


Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)

Versións:
Los Tamara: Mentras eu peno; Miña Galicia verde; 1974; Cara A, Corte 1



Los Tamara: Mentras eu peno; O enxebre dos Tamara; 1979; Disco 2, Cara A, Corte 2

(Reedición da versión do disco Miña Galicia verde, do ano 1974.)



Los Tamara: Mentras eu peno; Los Tamara; 1987; Pista 1

(Reedición da versión do disco Miña Galicia verde, do ano 1974.)



Antoloxía: Mentras eu peno; Vai por tí, vello. Música e poesía; 2007; Pista 1



Tempo catro sexteto: Cando a luniña aparece; Os ollos que falan; 2014; Pista 5

No hay comentarios :

Publicar un comentario