martes, 30 de enero de 2018

Os fastos

Os fillos escuros
do chan polvorento,
de rostro mourisco;
os fillos do vento,
os sempre envexosos
dos galegos feitos…
borraran os fastos
dos fortes galegos.

Os feitos borraran
dos fillos egrexios,
dos fillos dos celtas
de intrépidos peitos;
de envexa movidos
borraron os feitos,
mais non borraron os fastos
dos fortes galegos.

Varreran os límites
do pobo galego,
dos fillos de Luso
os lazos rompendo,
borraran os nomes
dos pátridos eidos…

Mais non borraron a fala,
mais non borraron o xenio,
mais non borraron o esprito
dos fortes galegos.

Eduardo Pondal: Poesías inéditas* (1935)

Versións:
Xocaloma: Os fastos; Soio un sono; 1979; Cara B, Corte 5



*[Real Academia Galega: Poesías inéditas de Eduardo Pondal; Queixumes dos pinos (2ª edición); A Coruña; 1935.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario