sábado, 28 de julio de 2018

Cousos do lobo

Cousos do lobo! Caborcos do xabarín!

Eidos soios, onde ninguén foi nin ha dir!

—O lobo! Os ollos,
o lombo do lobo!...

Baixa o lobo polo ollo do bosco
coma un sono…
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo nas follas dos carreiros
en busca de vagoada máis soia
e máis medosa…

Rastrexa… rastrexa…
párase e venta…
finca a pouta, ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca…

Uxío Novoneyra: Os Eidos (1955)

Versións:
Gelria: Cousos do lobo; Cantos de poeta; 2016; Pista 2

martes, 24 de julio de 2018

Pescadores do golfo

Arribastes a Cuba adolescentes,
paisanos mariñeiros.
Asentastes en Regla e Casa Blanca
saístes nos veleiros.

Con rumbo a Iucatán e á Florida
sobre aquel golfo inmenso,
na procura de cherna, pargo
e outros moradores dese océano.

Pescadores do golfo,
pescadores galegos.
En artes de pesca foron mestres
de novos mariñeiros.
Pescadores do golfo,
pescadores galegos.
E hoxe Cuba recoñece o voso aporte sen par,
Ese nobre maxisteiro.

Vos erguestes o barrio de Peixiño,
remanso temporeiro,
pequeña aldea emigrante onde acotío
falabades galego;

e onde enchía de saudade os corazóns
Sebastián, o gaiteiro.
Enfrontastes ciclóns e armadores,
paisanos mariñeiros.

Traballadores dese mar bravío,
—mar que provoca medo—
homes do golfo, firmes e valentes.
—Mariñeiros de ferro—
Homes que foron parte deste pobo
—que é cubano e galego—

Xosé Neira Vilas: Son galego, son cubano (2015)

Versións:
Roi Casal: Pescadores do golfo; Son galego, son cubano; 2017; Pista 7

jueves, 12 de julio de 2018

Cae a noite e esquécense os obxectos

Cae a noite e esquécense os obxectos.
Tráese un ar de transcendencia
que non me senta nada ben.
Vou
cara á nudez do insomnio:

vestiríate toda de papel xornal,
envolta
na desolación de Ienín,
na Venezuela que vence pero na corporación anunciada
na páxina dezaseis.
Serías o corpo da noticia.
Coma aqueles poemas indios do Cardenal,
debuxarías
a fin da historia
en verbas con consoantes por demais.

A estas cousas referíame
coa transcendencia

do ar que trae a noite.

Daniel Salgado: Sucede (2004)

Versións:
Fanny + Alexander: A estación sen ti*; Finais dos 70s, comezos dos 80s; 2007; Pista 7



*[A versión musical do grupo Fanny + Alexander está precedida polos poemas Baleiráronse as terrazas, e A estas alturas nada colle nun poema, todos da obra de Daniel Salgado: Sucede, do ano 2004. O título da versión musical coincide co título da sección II de dita obra: A estación sen ti.]

lunes, 9 de julio de 2018

Pescador

Si yo volviera a nacer,
quisiera en la mar vivir.
Velas quisiera zurcir,
redes quisiera tejer.
Barca quisiera tener,
remos para ir y venir.
El alba, para salir;
la tarde, para volver.
Y Cuba, para morir.
Y Cuba, para nacer.

Mirta Aguirre: Juegos y otros poemas (1974)

Versións:
José Mª Vitier, Pablo Milanés e María Felicia: Pescador; Si yo volviera a nacer; 1995; Pista 1

jueves, 5 de julio de 2018

Canción para cantar todos os días

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, aviós e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleós, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castrós e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, pobo común,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.

Hai que loitar, pois, coa deserción,
cos parvos ignorantes burras quentes.
Hai que afirmar a fala con tesón,
defendela con uñas e con dentes.

Hai que darlle ao pobo a súa voz pura.
Quen nos quer sen fala, quer matarnos.
¡Hai que defender a fala con mao dura
pois precisamos da fala para salvarnos!

Manuel María: Canciós do lusco ao fusco (1970)

Versións:
Elanor: Canción para cantar todos os días; Once máis 15 (VVAA); 2009; Pista 13



David Taboada: Outono*; Once máis 15 (VVAA); 2009; Pista 12



*[A versión musical de David Taboada está precedida polo poema Galiza é un outono puro e bon, da obra de Manuel María: Poemas ao outono (1977).]

martes, 3 de julio de 2018

Perspectiva

Escarabajo,
Miramelindo,
se trepa a un gajo
de Tamarindo.

Porque te veo,
escarabajo,
Miramefeo
se quedo abajo.

Subido a un gajo
de Tamarindo,
Miramelindo
ve muchas cosas.

Escarabajo,
Miramefeo,
sigue el rastreo
de las babosas.

Mirta Aguirre: Juegos y otros poemas (1974)

Versións:
José Mª Vitier e María Felicia: Perspectiva; Si yo volviera a nacer; 1995; Pista 14

lunes, 2 de julio de 2018

A estas alturas nada colle nun poema

A estas alturas nada colle nun poema,
todo semella tan ancho
que soborda
a cousa ruín dunha palabra.
A estas alturas
nada colle nun poema porque desencadeas,
amor,
a vida aberta fóra do papel.

Daniel Salgado: Sucede (2004)

Versións:
Fanny + Alexander: A estación sen ti*; Finais dos 70s, comezos dos 80s; 2007; Pista 7



*[A versión musical do grupo Fanny + Alexander está precedida polo poema Baleiráronse as terrazas, e seguida do poema Cae a noite e esquécense os obxectos, todos da obra de Daniel Salgado: Sucede, do ano 2004. O título da versión musical coincide co título da sección II de dita obra: A estación sen ti.]