Eu quero trocarme en ti
paisaxe da miña terra,
quero ceibar miña anguria
pola túa cabeleira.
Ser carballo antre os carballos,
ser néboa coas túas néboas,
ser maina chuvia a caír
polas congostras tolleitas,
ser ponla reverdecente
e na miña ponla tenra
que aniñara un rousiñol
e ise rousiñol quixera
tamén ser eu… Ou ser río
con beizos de auga na terra…
Que morro de soedá
e ista soedá anceia
fuxir de sí i afundirse
co que na terra latexa:
ser carballo antre os carballos,
ser néboa coas túas néboas…
Mais solo a norte podrá
facer da miña alma Terra.
Entón seréi cinza azul
ceibe xa nos brazos de ela.
¡Ai, istes brazos de nai
Que me acenan como estrelas…!
Antón Tovar: Non (1967)
Versións:
Anxo Rei: Eu quería; A rabela da pluma; 2006; Pista 10
No hay comentarios:
Publicar un comentario