martes, 26 de abril de 2022

Sombras de Compostela

Doces e vellas putas da grave Compostela
Naquela casa humilde do barrio do Pombal
Co tellado cuberto de xeada e de estrelas,
Vernizado coas sombras longas da catedral.

Sentadas na cociña, á luz cega das velas,
Destapaban botellas dun barato champagne
E, entre tantas cancións, escollían aquelas
Que falan deses tempos que xa non volveran.

Sóubenme tripulante no buque da habanera
(Aforcadas nas torres, as convictas campás
Non darían as horas da nova primavera)
Por querer marchar lonxe e non volver xamais.

Unha hipócrita lúa, insomne sentinela,
Espellaba consignas de prata nas ventás
E xemían os ventos ó vagar polas ruelas
Como as almas en pena de impíos cardeais.

Algún de nos xuraba que elas foran fermosas,
Buscando na nostalxia o arrecendo carnal
Dunha noite tunante, pois coidaba que as rosas
Murchas ainda recenden se non fixeron mal.

Ninguén buscaba amores, ninguén buscaba rosas:
Nas tebras nunca poden as rosas abrollar.
O ceo nihilista pesaba como lousa
Nas almas, e movela era cuestión de azar.

Pacíficas avoas, putas de Compostela,
Propietarias de cátedras sabias, sentimentais,
Non conseguín pintarvos nunha estraña novela
Onde queimei as miñas naves xeracionais,

Por iso veño agora pagarvos unha débeda,
Desandando os camiños dunha noite invernal,
Collendo polas rúas deshabitadas, bébedas,
E guiando os meus pasos por un negro fanal.

Non son ese mariño que regresa do mar
Nalgún buque fantasma que trae rotas as velas,
Pero abrídeme a porta se me oídes petar,
Doces e vellas putas da morta Compostela.

Ramiro Fonte: Gabinete de estampas. A rocha dos proscritos [Poemas complementarios, 1994-2004] (2005)

Versións:

Víctor Aneiros: Sombras de Compostela; Brétemas da memoria; 2010; Pista 9

No hay comentarios :

Publicar un comentario