Mostrando entradas con la etiqueta César Morán. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta César Morán. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de junio de 2025

Unha chamada perdida

Alí está, es ti, nun ring interior.
Repito posición:
Golf Alfa Lima India Charlie India Alfa

Ainda que creo que ti,
precisamente ti, quen o diría,
tes algo de esperanza.
Hai nos teus ollos un letreiro de neón.
O neón pertence á vangarda da esperanza.
Lembras?
A mensaxe era:
Lima India Bravo Echo Romeo Delta Alfa Delta Echo

As fotografías apreixaban o jazz da luz.
Os amantes abaneaban
no acordeón do L’Atalante.
O neón brillaba
coa memoria dun río
no traxe branco de Dita Parlo.
Os beixos eran longos,
duraban máis que a fin.
Por eles perdíanse os tranvías
e os barcos.
Como era a mensaxe?
Alfa Mike Oscar Romeo
Outra vez:
Alfa Mike Oscar Romeo

E os pais desacougados vomitaban a factura eléctrica,
boxeadores sen bisté nos corredores da noite noite.
Dende entón,
noto que tes algo de esperanza,
unha araña bébeda de trebón
que prende nas espiñas das nubes de abril,
un lixo de arco iris no ollo
como os pescadores de Fisterra,
un peixe boca de fogo,
un peixe que cría as ovas entre os dentes.
Repito posición:
no ring interior,
emitindo para un sistema exterior.
Cal é a mensaxe? Cambio.
Cal é a mensaxe?


Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:

Manuel Rivas e César Morán: Unha chamada perdida; A desaparición da neve; 2009; Pista 13

domingo, 22 de junio de 2025

Unha canción foi prohibida no sur

    Sob as lonas da jaima cheira a menta.
O frautista pasea tocando a carón dos farois
aliñados nas alfombras.
A frauta imita paxaros que non hai
namentras a bailarina sae ao meio da tenda
empuxada polas palmas e as voces
que repiten dez ou cen veces o único verso da canción.
—A bailarina tende as mans pintadas
pra coller primeiro e rexeitar despois
algo que vai e vén pólo áer.
Da roda das mulleres sae o berro: sriiií!
O príncipe Beiruc inclínase ofrecéndome un vaso
de té.
—E unha canción do norde marmuria ao meu ouvido:
"Muller fermosa, pídeme unha cousa de precio",
dí a letra.
Cando a cantaban nas jaimas do sur,
os guerreiros do norde soñaban coas suas mulleres
e fuxían na noite, namorados desertores.

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:

César Morán: Unha canción foi prohibida no sur; Río de son e vento; 1999; Pista 4




César Morán: Unha canción foi prohibida no sur; Haberá primavera; 2011; Pista 4

martes, 16 de enero de 2024

Toque de oración

O que máis xuraba era quen máis cría.
Lembro o aceno daquel mendigo,
disparando torta
a piadosa maldición.
Se as pedras falasen,
como Lucas quería,
terían esa mesma precisión.
Pelexaba con Deus,
ao xeito dun sparring
contra o Gran Campión.
Á terceira palabra
escachizou o ceo
e un lixo de lusco-fusco
cegoulle a visión.
Para el foi a moeda de miña nai
e o cicel da lembranza.
Tamén eu hei probar
alzar
cara ao máis alto
as palmas e a queixada:
Deteña esta guerra,
ordénollo, Señor!

Escribín xa unha carta ao xornal,
vinte liñas de suco ben domado,
onde omitín o que máis me importaba:
Chegará o 18 de maio a Reykiavik
a andoriña exipcia
como todos os anos e hai xa miles?
Tamén asinei un manifesto
dirixido ao presidente.
En termos sensatos,
é dicir, lamentábeis.
Invoquei a paz con moita xente
e sentín nos beizos as cóxegas de terra
desta palabra que lisca entre flores
como unha rata do camposanto.
A miña derradeira esperanza é vostede, Señor,
Deus Pai Taciturno.
Vexo que o presidente o trata con moita confianza.
Mesmo din que vostede está no allo,
que é Il Capo dei capi, o Don, o Mero mero.
Permítame que garde as distancias.
Eu non comparto esa camaradaxe.
Só conservo un electrón de fe,
é dicir, o chisco invisíbel,
a vergoña.
Por razóns de publicidade,
permítame que o maldiga dende o máis baixo,
abaneando na rúa da Merda,
tamén chamada Verea do Polvorín,
afogada a miña alma nun tetrabrik de viño Don Simón,
mentres Isaías,
bo e pelma,
me predica dende a outra beira:
«Como é que caíches así,
luz da mañá?».

No nome da culpa,
no nome do pecado,
no nome do pegañento medo
que carena os meus ósos,
esíxolle, Señor, que deteña esta guerra,
ordénollo, Señor.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:

Manuel Rivas e César Morán: Toque de oración; A desaparición da neve; 2009; Pista 4

jueves, 24 de noviembre de 2022

Romeu

De Rosalinda a Julieta
média a distância de um suspiro.
Do, re em teclado de espineta;
um, dous em graus de leve giro.

E Julieta e Rosalinda
nom serám fases de umha lua?
Prata imóvel no céu, ainda
cando volúvel se insinua.

Rosa de pétalas fungíveis,
Júlia que Julho nom atinge.
A noite de lábios incríveis
mistura os nomes que vos finge.

Ricardo Carballo Calero: Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986)

Versións:

César Morán: Romeu; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 39



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

jueves, 21 de abril de 2022

Sombra en presencia pura

                            A Aquilino Iglesia Alvariño

Sombra en presencia pura:
ár en ágoa parado.
Olla cal nace en coiros vivos
escoitándose.
Toda ela é invención das cousas:
tres espellos xustos
e tres ecuridades,
nubre, sombra.

Álvaro Cunqueiro: Mar ao norde (1932)

Versións:

César Morán: Sombra en presenza pura; Haberá primavera; 2011; Pista 6

lunes, 18 de noviembre de 2019

Resucitado

      Onde escuramente comeza nos ollos
aquel corpo de min mesmo isolado:
unha auga quezais, que se amosa por dous pozos xemeos.
De onde vén, pondo un goto de sangue na memoria,
esquiva verba se non vai cantando
peito de meu cedido á terra dime.
      Este é o áer descalzo de pé e perna,
onde ergo unha man a sombra esperta
e retornan o sono e a vaidade. Home!
      Soamente, Francesca, a cinza dos teus beizos
—a desexada sorrisa por quen levo
un amargo coitelo e unha hedra—
      e o po dourado dos teus cabelos deixo
caír no chan do vento esparexidos.
Esto perdo, meu ben, se aquí regreso.
      Cedo é sempre acolá. País-sen-Nome:
pois onde vai o corpo sempre amanece.
Dime se poido desenterra-los días.

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:
César Morán: Resucitado; Haberá primavera; 2011; Pista 13

viernes, 28 de junio de 2019

Red rose, proud rose, sad rose

Coñecín algúns homes que levaron a bandeira vermella
cando era pecado e fermosa
como baga de acevro.
Eu mesmo tiven unha nas mans,
unha bandeira vermella,
cando era pecado e fermosa
como o bico dunha cegoña.
Oín dicir que hai homes en Calcuta e Soweto
que aínda levan bandeiras vermellas,
fermosas como camelias nos dentes.
Pero eu hoxe non quería falarvos
da orgullosa, vermella e triste bandeira
que quentou as mans dos que estaban debaixo,
pecado e fermosa como lapa do carbón.
Só quería falar
da baga do acevro,
do bico da cegoña,
da camelia entre os dentes,
da lapa do carbón,
e da orgullosa, vermella e triste rosa de Yeats.

Manuel Rivas: Costa da Morte Blues (1995)

Versións:

César Morán: Red rose, proud rose, sad rose; Río de son e vento; 1999; Pista 11

miércoles, 3 de abril de 2019

Que o teu peito é menos branca

Q' ô teu peito hé menos branca,
Ou nena, á neve que cróa,
Aló no més de Janeiro,
As úces do rio Marzóa.
Úces da terra de Xallas,
Úces, deixádea pasar;
Ela he filla de Santiago,
Non'stá afeita á vos tratar.
Úces da ponte Aranton,
Non toqué-l-ós seus vestidos,
Q' eles para vos non son.

Eduardo Pondal: Queixumes dos pinos (1886)

Versións:
César Morán: Que o teu peito é menos branca; Río de son e vento; 1999; Pista 5

jueves, 6 de diciembre de 2018

Porque a terra é redonda

Cunha man colleu a mar
e coa outra un veleiro,
pra explicar unha das probas
de que a Terra é redonda.
—Todos os días?, preguntáballe eu.
O mesmo polo día que pola noite?
—Sempre, respondeume, e se redonda non fora
en toda a súa coda non se tería nada en pé,
a mar subiría deica a neve dos altos montes,
non poderían voar as aves
nin correr os nenos polos campos do verán.
Nin sequer habería verán.
Todo o que é, a rosa e maila lúa,
a alma miña, os ventos, a sorrisa dela
e a sombra da cerdeira, e as cereixas,
tal son porque é redonda a Terra.
O veleiro mergullábase no horizonte
e a mar ía e viña na súa man dereita
a escuma das ondas escorrendo entre os seus dedos.
Refrescaban o meu rostro redondas pingas de choiva
caída de grandes nubens que viñan do sul
gracias a que a Terra é redonda.

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:
César Morán: Porque a terra é redonda; Haberá primavera; 2011; Pista 3

miércoles, 27 de junio de 2018

Pero Meogo no verde prado

—Dime a onde vas, miña cerva ferida,
dime a onde vas, polo meu amor!
—Vou para o verso dunha cantiga,
meu cazador!
—Dime a onde vai teu cabelo, doncela,
dime a onde vai, polo meu amor!
—Vai pra unha fita verde de seda,
meu cazador!
—Dime unha cita de alba, amiga,
dime unha cita, polo meu amor!
—Onde o cervo do monte á iauga volvía,
meu cazador!
—Nunca vin cerva nos beizos deitada,
nunca vi fita que atase no vento,
nunca vi cervo que volvese ao alto,
polo meu amor!

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:
César Morán e Uxía Senlle: Pero Meogo no verde prado; Haberá primavera; 2011; Pista 14

domingo, 27 de mayo de 2018

Pau Casals en Prada

No medio do dourado retablo
o xigantesco San Pedro inclínase pra diante
e eu sei o porqué:
porque do cello de Casals saíu
unha frase que se volveu bolboreta
e Pedro séguelle o voo por saber
en que vide ou roseira de que columna
vai a pousarse.
—O bosque do retablo en abril florece
e en outono deita follas secas.
Co arco Pau Casals vainas apartando
as que se pousan nas cordas do seu cello.

Álvaro Cunqueiro: Herba aquí e acolá (1980)

Versións:
César Morán: Pau Casals en Prada; Haberá primavera; 2011; Pista 11

domingo, 6 de mayo de 2018

Para un país longincuo e misterioso

                Soneto I

Para un país longincuo e misterioso
en vagos soños emigra cada día
miña alma, cal linda cotovía
buscando o ceu en tempo deleitoso.

Ligeira, vai voando ao cobizoso
curruncho, todo ben e louzanía,
en brétemas envolto de poesía,
abalado d'un cántico armonioso.

¿Sabes tí onde queda, miña amada,
este país d'unha eternal ventura
que nunca o foi, nin o será, igualada?

Nos brancos brazos teus todos tenrura,
no amoroso fulgor de tua mirada,
dos teus beizos na cálida dozura.

Johán Vicente Viqueira: Ensayos y poesías* (1930)

Versións:
César Morán: Soneto I; Río de son e vento; 1999; Pista 3



*[Publicado na revista Nós, A Coruña, 1930]

sábado, 3 de febrero de 2018

Non é xusto que destroce estas veces a balazos

Non é xusto que destroce estas veces a balazos
de confidencias.
Nin que espere que conprénda-la demanda
de certos inconclusos ademáns.

Querería de ti...¡un rito!
(Que incumpriría.)

¡Unha mentira!
(Que denunciaría.)

É por iso que reviso a teroría
e prefiro
as túas mans cando están quentes,
a túa lingua
cando non sabe de idiomas no arquipélago do meu corpo,
as túas palabras cando medran
como os vexetais (por auga e sol)
e non precisan abonos de razón.

Non é xusto
Amar unha parte de ti e abrilas todas.

Xela Arias: Tigres coma cabalos (1990)

Versións:
César Morán: Non é xusto; Río de son e vento; 1999; Pista 12

lunes, 29 de enero de 2018

Noivado IV

Noite azul de silencio
esquina de sí mesma
ouvida polas amables
galerías da lúa.

Ninguén pensa a lonxana
malencolía morna
dos espellos de loito
dos teus ollos primeiros.

Creciches como donda
anguria de vidrados
aramio sin resposta
do teu sexo solícito.

De unha luz naufragada
entre roseiras verdes
fixeche quince anos.
—Un abano con paxaros.

A noite que non desce
vóltate a nós agora
coma ponte sin río
ou fiestra en terra firme.

Unha estampa de sono
a tua fábula afoga
núos os teus cabelos
de antiga noiva nova.

Álvaro Cunqueiro: Poemas do si e non (1933)

Versións:
César Morán: Noivado IV; Haberá primavera; 2011; Pista 9

jueves, 16 de noviembre de 2017

Impre(ci)sión

sentada no café
mentres espero
e a espera é xa unha inércia sen contornos
que me leva a ningures
sentada aquí     sen nada
mentres morre un home
falsamente
nunha horrível fita americana
sobre os anos cuarenta
e un soldado abraza unha enfermeira
cos labres incrivelmente ben pintados
en plena guerra
no teito do café rebulen catro moscas
soa fora unha canción tan triste
tras a xanela da pensión máis próxima
estudan pálidas rapazas
medran acensalis nas fendas
das pedras conventuais
e a señardade
é agora tan fosca     tan espida a certeza
de ser todo un erro irremediável
de alguén
que non existe

Pilar Pallarés: De amor e desamor II* (1985)

Versións:
César Morán: Impre(ci)sión; Río de son e vento; 1999; Pista 15



*[Obra colectiva. Publicada por Edicións do Castro, Sada (A Coruña), 1985.]

viernes, 6 de octubre de 2017

Ela

                POEMA 4

Ela andaba á beira da súa fiestra, tan cursi!,
que tiña laranxas verdes e un abano con paxaros.

—Que vidro nasceu naquela goteira que toda a
noite soa a vals?

Ela tiña unha alma inxel chea de pontas de dedos
e no branco dos ollos levaba un horizonte de tangos de
acordeón.

Ela andaba a namorar.

Álvaro Cunqueiro: Poemas do si e non (1933)

Versións:
César Morán: Ela (Poema 4); Haberá primavera; 2011; Pista 10

miércoles, 20 de septiembre de 2017

E cómo doi a luz

E cómo doi a luz
—xa de tan branca negra—
no corazón da mañán.
Entra en sí mesma
en mareas incertas
lixeira anque profunda
simple anque crara.
E cómo doi a vela
—xa de tan branca negra—
sempre no seu sitio
anque en mudanza sempre!

Álvaro Cunqueiro: Mar ao norde (1932)

Versións:
César Morán: E cómo doi a luz; Haberá primavera; 2011; Pista 7

jueves, 14 de septiembre de 2017

É a hora enteira

Move, corre. É a hora enteira
Tódalas tuas arelas de ser cantiga
valdéiranse agora. Esculca!
Molla os ollos na sombra:
Espéllate á ti mesma:
Xeme, treme. É o brinco da luz.

Álvaro Cunqueiro: Mar ao norde (1932)

Versións:
César Morán: É a hora enteira; Haberá primavera; 2011; Pista 8

jueves, 13 de julio de 2017

Derradeira elexía a Manoel Antonio

Diríamos que pedra para a tua fronte fría
—para a tua alma mar e vento duro.
Ti sí poeta, fenecido de algas verdes
o teu único corpo, silencioso e breve.

Agora escoita ehí, nese outro lado,
onde ás mareas e a Deus e á sombra toda
coma o Norés se repite, fondo estrano,
viaxeiro antergo, gueivota no teu sangue.

Nós non choramos. Finamente tristes
desconsolado ouvido inacabábel somos.

Álvaro Cunqueiro: Dona do corpo delgado (1950)

Versións:
César Morán: Derradeira elexía a Manoel Antonio; Haberá primavera; 2011; Pista 12

domingo, 2 de julio de 2017

Cinco fiestras colgadas

SOL:

    Cinco fiestras colgadas
    da mesma alba rosa:
    vivas,
            intactas,
                        núas,
    con arelas de mans,
    coma espellos de mastros.


SOMBRA:

    Cinco fiestras colgadas
    da mesma alba turba:
    quedas,
                chás,
                        duras,
    sin afáns de presencia,
    sin afáns de fuxida.


SEMPRE:

    Cinco fiestras: soio.

Álvaro Cunqueiro: Mar ao norde (1932)

Versións:
César Morán: Cinco fiestras colgadas; Haberá primavera; 2011; Pista 5