Mostrando entradas con la etiqueta Pulpiño Viascón. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pulpiño Viascón. Mostrar todas las entradas

miércoles, 8 de noviembre de 2017

O retorno

                                A Lois Pereiro

En Itaca estaban todos mortos.
Dis que fun eu, Argos, o can, o primeiro en espertar:
—Dead, dead, dead!
Un cheiro máis forte que o do esterco,
o do home vivo,
foi o que me fixo vomitar os despoxos celestes,
os ósos das nubes,
os coiros do arco iris.
Aquel home que fedía a lenda,
con acenos de esqueleto incómodo
e espectro irado,
fendeu as unllas na cicatriz
e untou as sombras de lama das palabras.
Alí estaban os nosos nomes todos.
Tamén a memoria certeira das árbores
na horta de Laertes.
Medio cento de ringleiras de vides,
as trece pereiras,
as dez maceiras,
as corenta figueiras.
O vello cego viu, á fin, o fillo coa álxebra da terra.
Despois Odiseo
foinos espertando un a un
e as nosas bágoas son, dende entón,
o visgo que apreixa a luz
cunha violenta felicidade.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e Pulpiño Viascón: O retorno; A desaparición da neve; 2009; Pista 6

sábado, 28 de octubre de 2017

O Monte do Faro

                A María Rivas Barrós, in memoriam

Oes o traballo da luz?
O seu punzón de tipógrafo,
o imprentar o invisíbel nos espellos,
o chío da hora azul
a morrer na deshora?

Teño na boca
vinte e seis millas de luz.
Nas faltas dos dentes,
a dor da luz.

Oes o traballo secreto da luz?
Oes a fatiga sentinela,
o remoer da vixía?
O bruar da luz,
os pasos cegos da luz no herbal neboento,
a espallar o rescaldo dos ósos dos soños?

A vinte e seis millas de luz
navegan os mortos
que non queren ser tristes.
Andan polo mar ás ceibas,
o andar de Charlot,
cunha bandeira de 26 millas náuticas de luz.

Os nenos de Monte Alto
ollan polo ollo da caveira
o escaravello de ouro de Allan Poe
—Poe, poe, poe!
náufrago nun sombreiro
dun gángster devoto e dadaísta.

Oes o traballo da luz?
o asmático alampar,
os seus pés prendidos nas correas das algas luminarias,
as onomatopeas somnámbulas no odre dos ventos.
Oes os xuramentos ebrios dos afogados na taberna do mar,
oes o naipe da luz matar o tres?
Oes o seu rir de peixe de Caxemira
ao paso de El-Rei?
O seu ulululú de curuxa mariña,
o seu xxxxsssssss de narval,
a súa branca sombra cuspindo fósforo?

Oes o bisbar saprófito da luz?
Óelo levedar na noite de San Xoán,
as raíces ledas da podremia da luz,
a luz a brincar na aurora,
a revellida aurora,
a luz a vomitar
pequenos reloxos nas ambulancias?
Oes nos quirófanos
as ás da luz,
os ovos negros da luz?

Oes o zunido da luz?
Oes como o arqueiro zen
sobre os chanzos
da col solitaria,
o tensar do seu arco,
a lenta frecha
que x avén,
que atina en min, en min?

Oes o sangue da escuridade,
o esnacar dos seu ósos,
a luxación da noite,
o esmuxicar do mar,
o inmenso boi que brúa co teu pranto,
o pestanexo fero dos seu ollos pequenos?

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e Pulpiño Viascón: O Monte do Faro; A desaparición da neve; 2009; Pista 8

jueves, 30 de junio de 2016

Meu amor puxo unha bomba do baleiro

Meu amor ama as ferraxarías.
Que ollas, meu amor?
Unha bomba do baleiro.
Celebraremos o noso aniversario
cunha bomba aspirante e impelente,
incesante,
aspirante e impelente,
incesante.
Percorreremos o álbum de familia
cun detector de metais.
Un amor incrustado,
soterrado,
arqueolóxico.
Un anaco cego de lóstrego
entobado.
Meu amor ama o lignito,
a turba das linguas mortas,
a grama que espiga nos dentes,
as plantas industriais,
as explotacións a ceo aberto.
Unha bomba para baleirar o baleiro.
Meu amor ama as ferramentas
de cavar baixo a chuvia.
Hai tres mil anos labrei para ti
esa peza de ouro,
esa ave que foxe,
a escaleira que descende
ao fondo da botella.
Meu amor traballa os días todos,
todo o día traballa meu amor.
Os días de festa traballa
como un himno traballa meu amor.
É un corpo misterioso, meu amor.
Todo xira no xiro da súa saia.
Como a pel do trompetista,
nada se pousa na súa suor.
Entrou no videoxogo
ía ofrecida á Virxe, meu amor,
a disparar cravos pola boca,
esa é a forza que temos,
o espírito,
o cuspe que anavalla,
o gume de Deus.
Que ben sae da aventura, meu amor.
Que ben fai o sitio.
Leva envolta unha glicinia.
Sen acougo, bombea flor.
Fai transfusións de nubes.
Todo o crea,
todo o destrúe,
meu amor.
Vai poñendo bombas no baleiro.
É dunha violencia suave
que desenterra aves nas enxivas,
cabalos do hipocampo,
por aí non, meu amor,
non me desenterres por aí,
por aí si,
baixo o concheiro,
baixo as aras,
baixo as armas,
baixo a inscrición borrada,
no inaccesíbel,
pon unha bomba aí,
no inacceslbel.
E ti, rocha da tristeza, aparta.
Aparta que todo o destrúe
meu amor.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e Pulpiño Viascón*: Meu amor puxo unha bomba do baleiro; A desaparición da neve; 2009; Pista 7



*[A imaxen correspóndese coa portada da obra da editorial Alfaguara e non coa carátula do CD]

jueves, 7 de abril de 2016

Mayday

Mayday, mayday, mayday!
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!
Securité, securité, securité!


Alarma. Aviso de Auxilio.
Noroeste cuarta Oeste.
Asañado o silencio de si mesmo,
toda a frota está á escoita,
toda a frota está á espreita.

Os reloxos penduran aforcados
nos traxes de loito.
Os cabalos de pedra
corren cara ao mar.
Nos secadoiros do congro
abanean pelellos de vento.
O sol lambe as feridas do solpor.
O sol crava os ollos con noxo
no coágulo da súa sombra granate.
A derradeira lavandeira
descompón as seis cores
e o anil
no prisma da súa man,
no lombo gris do río.
As máquinas de coser
foxen polos tellados,
fan zurcido invisíbel
co bafo dos ausentes.
A lúa é unha candea
na cabaza do medo.
O medo na redoma das mans.

Mayday, mayday, mayday!
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!
Securité, securité, securité!


Medo meu,
meu irmán,
can do fusco
a trousar as cores do baleiro,
os ósos de Deus,
na esquina con gume de navalla.
Nubes dos cen mil estorniños da Coruña,
vou desfacer convosco,
cantou Pucho Boedo,
ese nó que nos ata.
Vou poñer na botoeira,
como flor degolada,
a bala que nos mata.

Mayday, mayday, mayday!
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!
Securité, securité, securité!


Hai un cetáceo metrallado na Zambela,
a carón do Portiño.
Duro é de roer o óso da saudade.
Vou limar unha chave co óso da saudade,
a agulla do vinilo,
os dous dedos que Django salvou do inferno
das flores de plástico.
Os invernos tiñan tanta fame tanta
que rilaban as raíces das lámpadas,
as brasas que pisaban os faquires,
as bandadas de pésames,
o acento dos gonzos,
o dorso do abrente na moreira.
E logo o entebrecer,
o rudimento de non ser.

O lugar máis quente era o billete de embarque,
aquela begonia no escaparate
cos teus ollos de óxido.
Ou un colchón de lá
    se ti a carón
    acaroados
aboiando
nese tremente adeus
que nos retivo unidos.

Mayday, mayday, mayday!
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!
Securité, securité, securité!


Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:
Manuel Rivas e Pulpiño Viascón*: Mayday; A desaparición da neve; 2009; Pista 3



*[A imaxen correspóndese coa portada da obra da editorial Alfaguara e non coa carátula do CD]

jueves, 9 de enero de 2014

Alalá

Á vella maneira

          A Cachi e Amparo

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.

No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se puidera afogare
na ardora dunha misteira.

O que soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.

Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)

Versións:

Manuel Rivas e Pulpiño Viascón*: Alalá; A desaparición da neve; 2009; Pista 2




Berrogüetto: Alalá da noite; Kosmogonías; 2010; Pista 1




Pulpiño Viascón e Manuel Rivas: Alalá a vella maneira; The very best of Pulpiño Viascón; 2012; Pista 16

(Reedición da versión do disco A desaparición da neve, do ano 2009.)




2naFronteira: Alalá antigo; Alma. Música para a poesía galega; 2013; Pista 5



*[A imaxen correspóndese coa portada da obra da editorial Alfaguara e non coa carátula do CD]