sábado, 29 de abril de 2017

Diredes destes versos, i é verdade

IV

Diredes destes versos, i é verdade,
que tén estrana insólita armonía,
que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por instantes,
que desaparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Eu diréivos tan só que os meus cantares
así sán en confuso da alma miña,
como sai das profundas carballeiras
ó comenzar do día,
romor que non se sabe
si é rebuldar das brisas,
si son beixos das frores,
si agrestes, misteriosas armonías
que neste mundo triste
o camiño do ceu buscan perdidas.

Rosalía de Castro: I. Vaguedás. Follas Novas (1880)

Versións:
Narf: Tal como as nubes*; Nas tardes escuras; 2013; Pista 1



Narf: Eu direivos tan só**; Nas tardes escuras; 2013; Pista 10



*[O recitativo de Narf está precedido pola musicalización do poema Tal como as nubes, da obra de Rosalía de Castro: Follas Novas, do ano 1880.]
**[O recitativo de Narf está seguido da musicalización do poema ¡Follas novas!, risa dáme, da obra de Rosalía de Castro: Follas Novas, do ano 1880.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario