| Has de cantar, que che hei de dar zonchos; has de cantar, que che hei de dar moitos. |
||||||
| I “Has de cantar, meniña gaiteira; has de cantar, que me morro de pena. |
||||||
| Canta, meniña, na veira da fonte; canta, daréiche boliños do pote. |
||||||
| Canta, meniña, con brando compás, daréiche unha proia da pedra do lar. |
||||||
| Papiñas con leite tamén che daréi; sopiñas con viño, torrexas con mel. |
||||||
| Patacas asadas con sal e vinagre, que saben a noces. ¡Qué ricas que saben! |
||||||
| ¡Qué feira, rapaza, si cantas faremos...! Festiña por fora, festiña por dentro. |
||||||
| Canta, si queres, rapaza do demo; canta, si queres; daréiche un mantelo. |
||||||
| Canta, si queres, na lengua que eu falo. Daréiche un mantelo. Daréiche un refaixo. |
||||||
| Co son da gaitiña, co son da pandeira, che pido que cantes, rapaza morena. |
||||||
| Co son da gaitiña, co son do tambor, che pido que cantes, meniña, por Dios”. |
||||||
| II Así mo pediron na beira do mar, ó pe das ondiñas que veñen e van. |
||||||
| Así mo pediron na beira do río que corre antre as herbas do campo frorido. |
||||||
| Cantaban os grilos, os galos cantaban, o vento antre as follas runxindo pasaba. |
||||||
| Campaban os prados, manaban as fontes antre herbas e viñas, figueiras e robres. |
||||||
| Tocaban as gaitas. Ó son das pandeiras bailaban os mozos cas mozas modestas. |
||||||
| ¡Qué cofias tan brancas! ¡Qué panos con freco! ¡Qué dengues de grana! ¡Qué sintas! ¡Qué adresos! |
||||||
| ¡Qué ricos mandiles! ¡Qué verdes refaixos! ¡Qué feitos xustillos de cor colorado! |
||||||
| Tan vivos colores a vista trubaban; de velos tan váreos o sol se folgaba. |
||||||
| De velos bulindo por montes e veigas, coidóu que eran rosas garridas e frescas. |
||||||
| III Lugar máis hermoso non houbo na terra que aquel que eu miraba, que aquel que me dera. |
||||||
| Lugar máis hermoso no mundo n'hachara que aquél de Galicia. ¡Galicia encantada! |
||||||
| ¡Galicia frolida! Cal ela ningunha, de froles cuberta, cuberta de espumas. |
||||||
| De espumas que o mare con pelras gomita; de froles que nacen ó pe das fontiñas. |
||||||
| De valles tan fondos, tan verdes, tan frescos, que as penas se calman nomáis que con velos. |
||||||
| Que os ánxeles neles dormidos se quedan, xa en forma de pombas, xa en forma de niebras. |
||||||
| IV Cantarte hei, Galicia, teus dulces cantares, que así mo pediron na beira do mare. |
||||||
| Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega, |
||||||
| consolo dos males, alivio das penas. |
||||||
| Mimosa, soave, sentida, queixosa, encanta si ríe, conmove si chora. |
||||||
| Cal ela ningunha tan dose que cante soidades amargas, sospiros amantes, |
||||||
| misterios da tarde, murmuxos da noite: cantarte hei, Galicia, na beira das fontes. |
||||||
| Que así mo pediron, que así mo mandaron, que cante e que cante na lengua que eu falo. |
||||||
| Que así mo mandaron, que así mo dixeron... Xa canto, meniñas. Coidá, que comenzo. |
||||||
| Con dulce alegría, con brando compás, ó pe das ondiñas que veñen e van. |
||||||
| Dios santo premita que aquestes cantares de alivio vos sirvan nos vosos pesares; |
||||||
| de amabre consolo, de soave contento cal fartan de dichas compridos deseios. |
||||||
| De noite, de día, na aurora, na sera, oirésme cantando por montes e veigas. |
||||||
| Quen queira me chame, quen queira me obriga; cantar, cantaréille de noite e de día. |
||||||
| Por darlle contento, por darlle consolo, trocando en sonrisas queixiñas e choros. |
||||||
| Buscáime, rapazas, velliñas, mociños. Buscáime antre os robres. Buscáime antre os millos, |
||||||
| nas portas dos ricos, nas portas dos probes, que aquestes cantares a todos responden. |
||||||
| A todos, que á Virxen axuda pedín, porque vos console no voso sufrir; |
||||||
| nos vosos tormentos, nos vosos pesares. Coidá, que comenso... Meniñas, ¡Dios diante! |
||||||
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versións:
Alfredo González Vilela: Cantarche hei Galicia; Diáspora; 1999; Pista 6
Aid: Cantarte hei, Galicia; Rapoemas; 2012; Pista 4
Aid: Lugar máis hermoso; Rapoemas; 2012; Pista 9
Najla Shami: Na lingua que eu falo; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 3
Tempo catro sexteto: Has de cantar; Os ollos que falan; 2014; Pista 4
Xardín desordenado: Meniña gaiteira; Aprendendo a ladrar; 2015; Pista 10





No hay comentarios :
Publicar un comentario