sábado, 22 de abril de 2017

No escuro

¡Noite diante dos ollos!
¡Noite no pensamento!

¡As brétemas da Dúbida!
¡Os pantasmas do Medo!
¡Costa arriba, caíndo
sin ver onde tropezo…!


        Soio unha espranza:
        ¡o raio aceso
        dunha estreliña
        que brila ó lexos!

¡Esquecido dos fillos!
¡Bulrado dos alleos!
¡Afundido na sombra!
¡Magoado polo peso
dunha Xusticia en feira
escrava do Diñeiro!


        ¡Soio un consolo
        pon no meu peito
        a luz da estrela
        que brila ó lexos!

¡Nas mans as feridoiras
cadeas do foreiro!
¡Ispido, arrodeado
de roxos cans famentos
que con dentes e uñas
gobernan os meus eidos!


        ¡Soio antre a sombra
        tenme dereito
        a luz da estrela
        que brila ó lexos!

¡Abafado, sentindo
como funga no vento
o rachador estalo
da tralla de negreiro
que o maldito cacique
mercóu, coa alma, ó Demo…!


        ¡Soio me alenta
        neste deserto
        a luz da estrela
        que brila ó lexos!

—Rube, rube ó Calvario
¡ou Cristo destes tempos!
Un derradeiro esforzo!
un paso máis, labrego!
¡A estrela é unha fogueira
que xa está preto!


Ramón Cabanillas: Vento mareiro (1915)

Versións:
Fuxan os Ventos: No escuro; Fuxan os Ventos; 1976; Cara 2, Corte 1

No hay comentarios :

Publicar un comentario