Se viñeras a min, muller amiga,
cunca de mosto ou doce viño novo,
deixaría eu de ser un home lobo
oculto nun trigueiro sen espiga.
Se viñeras a min cunha cantiga,
forxada nas raigames deste pobo,
eu sería feliz zugando un trobo
rebordante de mel e seiva antiga.
Se viñeras a min polo avesedo
dunha norteira fraga de veludo,
o viño meu xa non sería acedo.
Nin acedo sería o tempo rudo,
pois farías da miña vida un ledo
paraíso de amor no vento mudo.
Fiz Vergara Vilariño: Nos eidos da bremanza (1990)
Versións:
A Quenlla: Miña amiga*; Silencios na memoria; 2004; CD1, Pista 2
*[A versión musical do grupo A Quenlla está precedida polo poema ¡Que lonxe estás amiga! da obra de Fiz Vergara Vilariño: Nos eidos da bremanza, do ano 1990.]
No hay comentarios :
Publicar un comentario