viernes, 18 de diciembre de 2020

Elexía por Roi Xordo

Roi Xordo, pai, amigo e capitán,
luz que acendeu a nosa aurora,
estrela que alumou o noso chan,
viño roxo e espada vingadora.

Nas túas palabras nacían alboradas
e o don marabilloso dos cantares.
Sabías de seituras e de aradas
e dos máis puros anseios populares.

As túas palabras eran ferro irado,
fontenla cristalina e transparente.
Por iso te seguiu o pobo honrado!
Por iso as túas palabras son semente!

As túas palabras son o noso pan,
as que usamos pra amar e pra falar.
As túas palabras son, ouh capitán,
as que nos dan a forza pra loitar!

Ti fuches a paixón máis tremecente,
o facho que alumaba no escuro,
a palabra que entende toda a xente
e vencella as raigañas co futuro.

Tiñas a forza do mar e do trebón
e, como o mar, cantabas e bruabas.
Tiñas a forza suprema da razón,
ouh lóstrego que ferías e alumabas!

Ti es o heroe, o símbolo, o guieiro,
o sangue desta terra desgrazada.
Estamos agardando, compañeiro,
que nos chame de novo a túa chamada!

Ouh Roi Xordo, ti eras un dos nosos:
o guía, o conselleiro e o amigo.
Só contigo nós fomos poderosos!
Só contigo, Roi Xordo! Só contigo!

Non foi verdade, non, a morte túa.
Ti segues no exército irmandiño,
non pode morrer a verdade núa!
Que non se pode matar noso destiño!

Ti es a espranza, o lume e a ledicia,
a fe, o porvir, a vida e a bandeira.
Ti es a esencia eterna de Galicia,
única patria posíbel e verdadeira!

Manuel María: Unha vez foi o trebón (1975)

Versións:

A Quenlla: Roi Xordo; Os irmandiños; 2010; Pista 4

No hay comentarios :

Publicar un comentario