Conta un esgrevio e mítico poeta
nunha belida e lexendaria historia,
que o primeiro chino que gastóu coleta.
o gran Hoang-Ti (que Buda teña en groria)
mandóu erguer da China nos lindeiros
trinta centos de torres e valados
para pechala ós pobos estranxeiros
(con mais medo ás ideas que ós soldados).
Dempois de posta a pedra derradeira
do longo, inxente e inasaltabre muro,
coas bibriotecas fixo unha fogueira;
e tranquío coa queima e insolamento
durméu a perna solta, xa seguro
de que tiña en prisións o Pensamento.
De babuchas, envolto nun kimono
e sacudindo as moscas coa coleta,
Hoang-Ti (que Buda teña no seu trono)
morréu nun ano que-non di o poeta.
Un a un, dous a dous e cento a cento,
os días foron indo (todo pasa)
e ceibe da cadea o Pensamento
na China entróu como na sua casa.
Deron en terra torres e valados
(agora un paredón, logo unha esquina)
e unha mañán os chinos revoltados
sírvenlle o <<five o’clock tea>> (o té da tarde)
cansados de faguer o chino en China,
ó herdeiro de Hoang-Ti (que Buda garde).
Desfixo o tempo a nova faramalla,
e mudados os chinos (todo muda)
cavila a traza de outra Gran Muralla
outro novo Toang-Ti (que garde Buda).
Como a pedra non dera resultado
contra os chinos da China ni-o estranxeiro,
o novo inxente muro foi alzado
con follas bravas de afiado aceiro.
E como, inda que é home para todo,
a queimar bibriotecas non se astreve,
fixo esquirbir os libros ó seu modo.
E así está, satisfeito e descansado,
o herdeiro de Hoang-Ti (que Buda leve
xunto do seu grorioso antepasado).
Ramón Cabanillas: Da terra asoballada (1926)
Versións:
Miro Casabella: A gran muralla; Ti, Galiza; 1977; Cara A, Corte 3
No hay comentarios :
Publicar un comentario