(…)
É xa tempo de erguer a Libertade,
de saír deste noxo e deste abismo
pra poñer en outo a diñidade,
a ira, a rebelión, o inconformismo.
É tempo preciso pra se alzar,
de enterrar dunha vez a tiranía
e erguer a nosa fe como un cantar
pra traguer a pureza e a alegría.
É o tempo do combate, do cramor,
da afirmación enteira máis varil.
É o tempo do incendio abrasador
baixo este ceo purísimo de abril.
É tempo de ofrendar a propia vida,
de vestir o uniforme de soldado.
É tempo de ir coa frente erguida
pra facer un mañán esperanzado.
Abril fixo xurdir rosas vermellas,
toxos arnás e estirpos feridores.
É tempo de gadañas e de rellas;
de seiturar a traición, ós traidores.
Galicia é, dende agora, chama acesa,
un agromar de mapoulas a frorir;
unha fouce xigante, unha promesa;
unha vontade absoluta de porvir.
Galicia é o empeño máis fermoso,
o pulo trascendente máis cabal;
un ideal vivo, virxe e poderoso;
unha desperta conciencia comunal.
Este é tempo de loita, de xenreira.
É tempo de semente e de colleita.
¡O tempo de que agrome a Primaveira
pra levantar á Terra tan maltreita!
4 de abril de 1846.
Rúa de SANTIAGO DE COMPOSTELA.
Varios ESTUDIANTES.
O poeta FRANCISCO AÑÓN.
(…)
Manuel María: Abril de Lume e Ferro* (1974)
Versións:
A Quenlla: Abril de Lume e Ferro; 30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita; 2014; CD2, Pista 3
*[Este poema forma parte da obra teatral Abril de Lume e Ferro. Dita peza foi estreada no Campo da Feira de Carral no ano 1986. A obra publicouse no ano 1989, polo Excmo. Concello de Carral.]
Suscribirse a:
Enviar comentarios
(
Atom
)
No hay comentarios :
Publicar un comentario