sábado, 24 de septiembre de 2022

Pola fiteira do meu castelo sitiado

Pola fiteira do meu castelo sitiado,
vejo unha cúpula coroada por unha cruz,
e tras ela un ceu de peneirado sol
enrellado de finos grises.
A distáncia emudece e serena
a terra que sob esa abóveda jaz,
e podo sentir a beleza e a dozura do mundo
desde a miña balbordante loita,
desde a miña fealdade aceda.
Sei que a verdade é que son un soldado,
defensor dunha torre que se esborralla,
e que arredor medran as picas
que erguerán con fúria a miña cabeza.

Secomasi, enxergo con frio desprezo o meu fado,
porque non me concerne,
e o meu corazón está na cruz que coroa a cúpula,
nas nubes que estrian o ceu,
na falsa paz que de longe me ven
como un bafo de ardente dita;
e aguardo indiferente unha norte que non é a miña,
mentres o paxaro da miña ollada voa ceibo
sobre o terno verdor da terra que non calcarei máis.

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Xan Cassavella e Beatriz Varela: Nom sei se matei*; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 73



*[A versión musical de Xan Cassavella e Beatriz Varela está seguida e alterna co poema Non sei, da obra de Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional, do ano 1982.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario