…«Y el cuadro muestra de un pintor lego
Que acaso hubiera placido al Griego».
Valle Inclán. Clave XIV
Fortes cores enlixan metro e meio de lenzo.
Unhas copras marelas. Unha moza e un cego:
manta vella en farrapos e, na man, un punteiro
co que bate, a miúdo, do pinturado lenzo.
Aldeáns ao redor, a escoitar cal babecos:
—O crime da Penla. Cada copra un cadelo!
Uns ladróns sin entranas. Un ricote labrego.
Un casal isolado. Roubo e crimes noxentos.
Mesmo fala aquil cadro. Fai chorar aos penedos!
Cores dor para os ollos. Rixidez de bonecos
en absurdas posturas. Cintilantes cóitelos.
Sangue, sangue, máis sangue, moito máis sangue, que medo!
Arrepiantes facianas e revoltos cabelos.
O que se vei no cadro fai chorar aos penedos!
Un rapaz degolado nun regueiro sanguento.
Outros catro cadavres ciscados por dous leitos
(dezaseis coiteladas, a catro de promedio):
«Ela», curta camisa que descobre irto seio,
remelando os ollos, a boca en mudo berro;
«el», cirolas de liño, no traseiro un remendo,
regañando os dentes, de carraxe un aceno;
«as dúas fillas», coas mans apreixadas aos ferros,
espidas, esforciadas, rabuñando os peitos
e, por burla, nas testas, bañados de chapeos.
O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!
Un arcaz boca aberta, fonte que deita lenzos.
A ceiba-los miúdos de palla de centeio,
en forzado «harakiri», hai uns xergóns abertos.
Cadeiras polo chao, barcos nun mar vermello.
Un can morto, na loita o seu rabo mordendo.
Nun burato agachada, a rir dos bandoleiros,
vendo que non dan coela, anque se volvan lelos,
unha oliña que, din, garda catro mil pesos,
en louras «peluconas» d’El-Rei Carlos Terceiro.
O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!
Un criado que fuxe e ás canelas dá sebo
por uns agros moi verdes, dun verde que dá xenio:
fóra a lingua da boca, cal xaruto vermello
a fumega-los folgos do que corre; o cabelo,
coma moura pelica, fai suligras ao ceio,
uns ollos de albaialde con dous puntiños pretos,
—branco vivo onde fixo súa diana o medo—.
Figura que sementan, nos croios do carreiro,
perdamás pra os ladróns as mans de longos dedos.
As dúas pernas, que forman, moi xusto, un ango reito,
perderán por lixeiras aos asesinos feros.
A faldra da camisa ronsel azul do vento.
O sangue que lle escoa, no chan ronsel vermello.
O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!
Gardas civís: mosquetes, verde-gris e marelo.
O hule dos tricornios, do sol é mouro espello.
(O orde con bigodes é contenente esgrevio).
En crudel matrimonio coas cadeas de ferro,
camiñan, antre os gardas, os asesinos feros:
testas como cabazos e xestas por cabelos,
barbazáns e celludos, contienza de babecos.
O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!
Audiencia Provincial. Xurado de labregos.
Un púbrico que acena cos puños cara os presos.
(En cores albitrarias, tres ducias de bonecos).
Longos brazos en outo, en castañola os dedos,
quer baila-la muiñeira o abogado dos reos.
O vello Presidente, branco río no queixo.
Con cara de enxaguados sain, de antre o fondo preto
das togas, maxistrados con puchos de toureiros.
Unha dona peituda vende a xustiza a peso
nun cadriño, ben posto, da saa no testeiro.
O que se vei no lenzo foi chorar aos penedos!
A capela. Un frade con ollada de vesgo.
Unha crus moi feituca, catro cirios marelos.
Dos reos xunto aos ollos, panos charramangueiros
aparéllanlles bágoas cal pelouros pequenos.
O que se vei no lenzo fai chorar aos penedos!
Panos longos e mouros por riba do baileo.
Borreiros que figuran cumpridos camareiros:
roupa preta e xeitosa, coradiños os beizos,
con olleiras nos ollos (mesmamente dan xenio).
Irmás da Caridade. Carceleiros e cregos.
O siñor Segredario. Tres vecinos. Os reos.
(Baixo un ceo de chumbo, todos mouros bonecos)
Antre tanta mourenza, catro trazos vermellos.
Catro linguas que fuxen das gravatas de ferro!
Co que se vei no lenzo choran ata os penedos!
Florencio Manuel Delgado Gurriarán: Varia. Galicia infinda (1963)
Versións:
Anxo Rei: Pintura de feira; Fronteira de cegoñas; 2004; Pista 4
No hay comentarios :
Publicar un comentario