Fuco Pérez sin segundo,
veciño de Gargamala,
viudo, maior de idade,
propietario dunha cabra
e dun terrón que produce
cinco ducias de patacas.
Fuco Pérez sin segundo,
furibundo iconoclasta,
pai dun neno engaranido
chantado diante a cabana.
Por teimoso inconformista
téñente fichado os gardas;
por herexe e descreído
póñenche a figa as beatas.
Fuco Pérez sin segundo
ninguén sabe o que che pasa.
Tes o día, tes a noite,
tes os paxaros da ialba,
tes as estrelas do ceo,
tes as rúas i as estradas.
Fuco Pérez sin segundo
¿qué che falta?...
Celso Emilio Ferreiro: Longa noite de pedra (1962)
Versións:
Xavier: Romance incompleto; Xis 6 Edigsa/Xistral (EP); 1968; Cara A, Corte 2
Miro Casabella: Fuco Pérez; Orvallo; 2004; Pista 1
Balakandra: Romance incompleto (Fuco Pérez); Balakandra; 2013; Pista 8
No hay comentarios :
Publicar un comentario