O ventiño namorouse
da rosa dunha roseira,
negoulle a roseira a rosa
e o vento fuxiulle coela.
O melro, no amañecer,
anda a cantar
—Ai ruíña,
conqueriu galán vento
branca rosiña.
Por namorarse o ventiño
da rosiña da roseira,
leixou outra noiva (a ponla
dun piñeiro) dando queixas.
Láiase o arume da ponla
e anda a cantar.
—Ai ruada,
ladroa foi do meu vento
rosiña branca!
A roseira está a chorar;
o piñeiro está a carpir;
a rosiña e mais o vento
van lonxe, no seu fuxir.
O trobeiro reiseñor
anda a cantar.
—Ai ruíña,
ten amores co vento
branca rosiña!
Mais cando se farte o vento
do amor da rosiña branca,
leixaraina nun camiño,
toda murcha e desfollada.
Daquela, a vella roseira,
ha de cantar.
—Ai ruada,
non máis fies do vento
rosiña branca!
Florencio Manuel Delgado Gurriarán: Bebedeira (1934)
Versións:
Anxo Rei: O ventiño namorouse; Fronteira de cegoñas; 2003; Pista 3
No hay comentarios :
Publicar un comentario