lunes, 11 de diciembre de 2017

Luces e sombras no malecón

Carta

Ai, miña nena, estou mirando a foto e me parece imposible. Toda de azul. Hai seis anos que non te miraba. Estás preciosa no malecón coas túas amigas, contemplando o mar que xuntos ensoñábamos na túa nenez. Desde aí ollábamos o paso dos barcos rumbo a países con nomes lendarios. Éramos do mar dos piratas, filibusteiros dun Caribe rebelde, herdeiros de Morgan, do asalto de Maracaibo, de El Dorado. Alí, eu contábache historias de mariños, como aquela do fogoneiro, que día tras día, palada tras palada, acababa por pensar que estaba cavando a súa fosa. E un día chegamos a porto cos desperdicios do seu cansancio extendidos xunto ao calor das caldeiras.

Estou no meu barco, mirando para a túa foto e mirando para el. E pensó que case todos os cargueiros son tristes, como putas solitarias das cantinas, e que hai adolescentes que coma ti, e como os cargueiros, xa teñen mofo na alma; e precisan que as limpen, que as pinten e lles den compaña. Sei que se alguén non che envía unha caricia ao malecón, convertirante axiña nun cargueiro triste; e terei que buscar polas cantinas solitarias os ollos dunha jinetera que me devolva a ilusión do que fomos.

¿Qué non faría en vida polo pracer de morrer dignamente? ¿Qué mares non sucaría un cargueiro para non ter un final no desguace, lonxe de intrépidas rutas? Non sei que será de ti, miña nena, non sei. Oxalá saborees só o licor ventureiro da alegría, e que todo destino maléfico que a vida che tivera reservado sexa afastado do teu camiño e convertido en alimento para o meu corazón. Mais se non nos é concedida a felicidade a nengún dos dous, nen ás túas amigas, nen aos teus, lembra a promesa que no malecón de La Habana nos fixemos: xe non morremos xuntos que os nosos amigos nos envolvan nunha bandeira e celebren con cantos a nosa despedida. Calquera cousa antes que o final grisáceo dunha morgue.

Lino Braxe: A caricia da serpe (1999)

Versións:

A caricia da serpe: Luces e sombras no malecón*; A caricia da serpe; 2005; Pista 7



*[O recitativo deste texto está inxerido no fondo musical da canción do cubano Carlos Puebla: Hasta siempre, comandante, do ano 1965.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario