jueves, 1 de julio de 2021

Seria tan doce, eternizar

Seria tan doce, eternizar
este longo serán de inverno.
O vello, a fumar a sua pipa.
A vella, a coser a sua roupa.


Afora, o vento, a choiva, o tempo.
Dentro, o siléncio e a quietude.
A vida xorda, a vida imóvil.
A morte só dá vida à vida.


A felicidade cravada
no muro, como unha volvoreta.
O minuto multiplicado,
igual a si mesmo, imortal.

Crea o pensamento o seu ceu
eternizado o instantáneo.
Do lóstrego fai o sol perene.
Da efímera flor, un paraíso.


A vella cose horas e días;
con retrincos de tempo fai o sudário do infinito.
O vello fuma intres de lembranzas;
con aneis de sono forma esteos de eternidade.

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Azulula: Serão de inverno; Musicando Carvalho Calero* (VVAA); 2020; Pista 28



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario