Mostrando entradas con la etiqueta Anjo de terra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Anjo de terra. Mostrar todas las entradas

jueves, 14 de enero de 2021

Beleza de muller

Tras da beleza da muller,
nada procures.
A volaina que vas coller,
pousa en nengures.

Somente enxebre é o fanal,
se está valeiro.
Embaza-o o bafo espiritual,
mesto nubeiro.

Forma, perfeito niño de ar
da formosura
—paxaro sen entrañas—, lar
da chama escura.

Presenza sen segredo, clara
luz sen alén.
¡Beleza feminina, avara
de infinda ren!

Ricardo Carballo Calero: Anjo de terra (1950)

Versións:

Aldea carnal*: Beleza de mulher; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 7




Garzía: Beleza de mulher; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 43




Cristian Leggiero e Pati Lesta: Beleza de mulher; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 51



*[Finalista do concurso Musicando Carvalho Calero 2020.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

sábado, 3 de noviembre de 2018

Muller

A vida non es ti soa,
muller de ondulantes formas;
           
   
cabezal de tenra graxa
onde o meu sangue remansa;
           
   
doce copa cristalina
na que ferve en viño a vida;
           
   
boián no que Deus deitou
bálsamo consolador;
           
   
jerro de barro florido
onde o amor se brinda ao bico.
           
   
A vida non es ti soa,
frágil lama garimosa.
           
   
Só un signo es, caligrafia
no hieroglifo da vida.
           
   
A vida é tamén a estrela,
a flor, a pomba e a pérola;
           
   
a loba de brancos dentes,
a ovella de ollos de sede.
           
   
Mais ti tes de flor e estrela,
de pomba, loba e ovella.
           
   
Eu bebo a luz dos teus ollos,
e en lume de sangue agromo.
           
   
A tua gorja, se a aloumiño,
arrolos de pomba arrinco.
           
   
O teu recendo carnal
os meus pulmóns enche de ar.
           
   
E co riso dos teus dentes
trabas-me na entraña doente.
           
   
Ou lírio entre neve, balas,
polo meu lume alapada.
           
   
Microcosmos, logaritmo,
pitagórico sostido
           
   
da música das esferas,
bincha que o cosmos encerra.
           
   
Como o universo redonda,
mesta esencia, enxebre forma.
           
   
Cinjo-te cos brazos eu,
como cinge o cosmos Deus.
           
   
Como na esfera do todo,
lume e pedra, Deus e cosmos,
           
   
ti e eu completa substáncia:
ti o meu corpo, eu a tua alma.
           
   
A vida non es ti soa.
Mais no recendo está a rosa.
           

Ricardo Carballo Calero: Anjo de terra (1950)

Versións:
O verme homicida: Mulher; Musicando Carvalho Calero* (VVAA); 2010;



O verme homicida: Mulher; O rei Mukade!; 2010; Pista 3

(Reedición da versión anterior)


David Regueiro: Mulher; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 45



*[Concurso musical organizado por komunikando.net e AGAL (Associaçom Galega da Língua), con motivo do centenario do nacemento de Ricardo Carballo Calero.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]