viernes, 16 de marzo de 2018

Caballero de París

Era unha lenda, sonbra caminante
polas rúas da Habana,
un soñador con capa e con insignias
que emigrara da Fonsagrada.
Na cidade era un emblema vivo,
todos o querían e admiraban.
Sentíase un cabaleiro poderoso,
pero non tiña nada.

Ai, o Caballero de París,
señor ilustre da Habana,
sentíase poderoso
pero non tiña nada.

Tiña recordos, imaxes e lembranzas,
da terra que deixara.
Falaba cos rapaces de héroes e batallas,
tecía historias, sabía contalas.
Corenta anos vagabundo,
sen durmir nunha cama,
indo dun barrio noutro por tempadas
polas rúas da Habana.

A cidade réndelle tributo,
lémbrao con poemas e estatuas,
hai cancións, frases e retratos,
que del tanto nos falan.
Pobre e querido cabaleiro,
tolo e señor da ilustre Habana,
que no instante final da súa vida,
deixou a tolicie que o marcaba.

Ata que con agarimo o recolleron
—déronlle nova capa—
tivo médicos e un amplo dormitorio
—con escudos de armas—
un mundo á medida dos seus soños
—e da súa ilusión dinástica—
E un día marchou caladiño
—polo camino que ninguén desanda—

Xosé Neira Vilas: Son galego, son cubano (2015)

Versións:
Roi Casal: Caballero de París; Son galego, son cubano; 2017; Pista 9

No hay comentarios :

Publicar un comentario