jueves, 4 de febrero de 2021

Fiestra ao mar e à cidade

O dia, branca nau,
levou áncoras. Foi-se
cara o alén do mar
polo horizonte. Ainda
se ve o seu pau maior
—última claridade.

No estúdio de alto teito
do horizonte visíbel,
traballa o mar, eterno
escultor de si mesmo.
O azul cravado ao alto
con mil cravos de ouro.
Na cidade van por
corredoiras geométricas,
a tanger, os tranvías,
igual que bois ligeiros,
soando os seus chocallos.
Nas gaiolas de vidro
—foco, farol, bugia—,
os paxaros do sol.
O seu canto de luz
a aclarar os recantos.
Ruído. O jazz-band, sofisma
da música, a soar.
Na fiestra, eu: latejo.
Co agarimo con que
dá unha nai ao seu neno
o leite dos seus peitos
—limóns de celme doce—,
o serán aos meus beizos
—os beizos da cobiza—
dá un resólio de anseios.
Anseios que mañá
serán ¿cume atingido?,
¿esborrallado enlevo?
¿Qué pe pode esmagar
o tempo, tartaruga?
Traguede dinamita,
porque quero voar
esa ponte da angúria
que vai do hoje ao mañá,
da incertidume ao logro,
da esperanza ao ben certo.
Tempo, boi canso, di-me:
¿qué aguillada afiada,
punginte, poderia
apresurar-te, dar-che
presa, boi canso, tempo?

Ricardo Carballo Calero: Vieiros (1931)

Versións:

Augalevada: Fiestra ao mar; Musicando Carvalho Calero* (VVAA); 2020; Pista 25



*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario