lunes, 1 de febrero de 2021

Ferrol, 1916

Cinco duros pagábamos de aluguer.
Era un terceiro andar, ben folgado.
Pola parte de atrás daba ao Campiño,
e por diante à rua de San Francisco.
           
   
No segundo vivia a miña tia aboa:
tiña unha peza cheia de paxaros disecados
que só abria os dias de festa
para que os nenos disfrutásemos nela.
           
   
Ainda vivia a miña nai            
e todos os meus irmáns vivian,
e enfrente traballaba o señor Pedro o toneleiro,
e a grande tenda de efeitos navais mantiña o seu trafego.
           
   
Na casa tiñamos pombas
e, por suposto, un grande gato mouro;
e o meu pai era novo ainda
           
e no mar do mundo cada dia descobria eu unha illa.            
   
Via o mar desde a miña fiestra,
e chegaban cornetas da mariña.
           
E baixaba os degraus duas veces a odia para ir à escola,
e duas veces rubia-as de volta.
           
   
As mulleres entón usaban capa e corsé,
e íamos à aldeia en coche de cabalos,
e a rua estaba ateigada de pregóns de sardiñas
e de ingleses que vendian Bíblias.
           
   
Eu tiña un pacto con Deus:
que ninguén dos meus morreria.
E o pacto era observado,
e eu confiaba na perenidade do pacto.
           
   
Todo isto fica tan longe
que aduro podo ainda lembrá-lo.
Esqueceria-o dentro de pouco tempo
se non escrebese estes versos.
           

Ricardo Carballo Calero: Futuro condicional (1961-1980) (1982)

Versións:

Clásicos libres*: Ferrol, 1916; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 3




Bieitosolo: No mar do mundo; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 36




Moisés Quintas e Aser Álvarez: Ferrol, 1916; Musicando Carvalho Calero** (VVAA); 2020; Pista 74



*[Gañador do concurso Musicando Carvalho Calero 2020.]
**[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario