Mostrando entradas con la etiqueta Documentos personaes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Documentos personaes. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de marzo de 2014

Carnet de identidade

Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.


Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla
que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
un son tan só, lonxano e feble.


Manuel María: Documentos personaes (1958)

Versións:
Uxía Senlle: Carné de identidade; Andando a terra. Uxía canta a Manuel María; 2013; Pista 5

jueves, 13 de febrero de 2014

Bando

Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia pra voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exempro ás nenas castas
i os fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chocar tan só cando hai sequía
pra que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fora de Lei
as estrelas, a Primaveira,
as flores i os paxaros.
Dase este bando en tal e cual
para que secumpra
de orde do Alcalde.
Firmado e rubricado.

Manuel María: Documentos personaes (1958)

Versións:

A Quenlla: Bando do Alcalde; Europolis’88; 1988; Cara B, Corte 6




A Quenlla: Bando do alcalde; Terra; 1992; Pista 15

(Reedición da versión do disco Europolis'88, do ano 1988.)


Uxía Senlle: Bando; Andando a terra. Uxía canta a Manuel María; 2013; Pista 10




A Quenlla: Bando do Alcalde; 17 canciones de troula; 2006; Pista 08

(Reedición da versión do disco Europolis'88, do ano 1988)