As loiras cortesás de tódalas colores
Ofrecen os seus corpos espidos nas postais;
Xunto ás deusas de ébano, prométenche candores
Submisas xaponesas de abanos orientais.
Nas cabinas de Londres medraron estas flores
Que teñen o arrecendo de orquídeas invernais.
Amores mercenarios serán tamén amores,
E poderás obtelos con chamar nada máis
A un dos números. Marca. Decídete. A onde fores
Serás ben recibido. Non o volvas pensar.
Imaxínate xa obtendo os seus favores,
Dicindo noutra lingua, impune, o verbo amar.
Lupanar de cristal, a vermella cabina
Enfeitiza os teus ollos ó dobrares a esquina.
Ramiro Fonte: Manuscrito de Elsinore. A rocha dos proscritos [Poemas complementarios, 1994-2004] (2005)
Versións:
Víctor Aneiros: Lupanar de cristal; Brétemas da memoria; 2010; Pista 4
No hay comentarios :
Publicar un comentario