domingo, 3 de junio de 2018

Amei-te tanto

Amei-te tanto esta tarde
cando non estavas,
e estava o ceo como un atlas de ausencia
esvarando nas horas!

Que estraño é todo isto, este amor que se agolpa
e verte a sua fúria por acima de unha
sen piedade!

Non sei porque estes días en que te amo tanto
e tan fundo e tan duro e tan tristeiro
dias en que quixera aniquilar-te
de tanto amor como me tinxe o corpo
e me lastima os dentes.

Esta tarde amei-te como invasión de escumas
en sartegos tenrísimos.

Non sei que estrañas aves aniñaron en min
para que así te ame,
non sei que tortas roitas ou mans confabuladas
me trouxeron a ti,
non sei  porque camiños navegou o meu sangue
para chegar a ti.
Non sei se faro ou torre ou terra prometida
foron marcando o norte dos meus sucos.

Só sei que aquí me tes, oferecida,
sen culpa deste amor que caiu sobre min
non sei se como pedra ou lóstrego ou fervenza.

Esta tarde amei-te como nunca,
pero ti non estavas.

Pilar Pallarés: Sétima soidade (1984)

Versións:
Fanny + Alexander: Amei-te tanto; Finais dos 70s, comezos dos 80s; 2007; Pista 2

No hay comentarios :

Publicar un comentario