«A cadea é un vestido de pedra»
JAGOT
Boas noites, amiga,
dígoche dende o cárcere,
mesto espacio de sombras
limitadas a carne,
promontorio de pelos
elévase no sangue
e a luz, coma un cheirume,
esbara, negra, avante.
Detéñense as palabras,
os pensamentos pairan,
coma un morcego tépedo
o corazón se cala.
Na cadea hai menceres
de néboa en cada ollada
e ratos grises fanche
un burato na ialma.
Hai unha door cega
que cada cousa mancha
e podremias antigas
ao corazón se engarran.
A espiral da tortura,
as pantasmas odiadas,
o libro do silencio
e a tristura probada
rematan nista noite,
oh miña ben amada,
pra comenzaren logo
á mañán, coma lama.
Boas noites, amiga,
dígoche dende o cárcere,
méntrelo teu recordo
froitifícame, árdeme.
Xosé Luis Méndez Ferrín*: Antoloxía popular (1972)
Versións:
Rodrigo Romaní e Antón Seoane: Cantiga do amante preso; De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do Movimento Popular da Canción Galega: 1973-1978; 2013; Pista 12
*[Publicado baixo o alcume de Heriberto Bens.]
No hay comentarios :
Publicar un comentario