Teño unha estrela noviña e campal
que sabe leer, escrebir e contar;
limpa, a miña constelazón
e léixaa enxebre como o seu corazón;
barre o sarego do meu luar
e fica albariño como o seu ollar;
beila no meu turreiro sen lecer
e tórnao ledo como un axouxer;
ten os ollos derramados
por mollar os meus sonos verdegados;
lávase na amañecida
no rego da miña vida;
peitéase na alborada
na fror da miña auga crara,
ínzame o ceo interior
de luz solene e mol;
e cóntame historias futuras
xa vellas nas miñas infindas lembranzas,
por Ela sei das xornadas heroicas e duras
que agardan a Jacobuslandia!
Teño de noiva unha estrela cordial
Ai quen como vós, luceiros, soupese leer e medir e contar!
Teño unha estrela, lembranza sen fin,
que muxe no tempo saudades para min;
apaña das rosas do meu sentimento
nas froumas do espazo e nos curros do vento,
é loura como un solpor
e ispida como unha dor;
nas pandeiradas do ensono
repenica para o seu dono…
alcendeuse ao se apagar
no serán de un Maio ledo
a esperanza do seu ollar
nas augas do meu segredo.
Ai, quen como vós, luceiros, soupese leer e medir e contar!
1927
Fermín Bouza Brey: Nao senlleira (1933)
Versións:
Xosé Lueiro: Canción da boa estrela; Aire; 2005; Pista 3
No hay comentarios :
Publicar un comentario