martes, 30 de mayo de 2023

Terra

Arei, gradei e canicei esta terra.
Nela abrín regos e esparexín semente,
magoeina coa picaña,
esfarelei cadullos,
boteille esterco,
libreina de ervellaca e saramagos,
vina sedenta recibindo a choiva,
agarimeina
cos ollos e coas mans
e síntoa
fonte e placenta deste corpo,
deste eu que rebule
derriba da súa codia
feraz e xenerosa.

En pago de tal amor e tal achego
só lle pido
que me acolla na noite que ha de vir
e seguiremos xuntos
no derradeiro suco,
na canle derradeira.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:

Manoele de Felisa: Terra; Cantos de lembranza; 2014; Pista 7

No hay comentarios :

Publicar un comentario