jueves, 7 de septiembre de 2023

Muiñada

            13

O sol, baril muiñeiro,
pingotas de choiva moe,
o arco da vella pineira
fariña de sete cores.

Os brancos foles das nubens,
a lombos das serras, van
cara ó muíño do ceo
para moe-lo seu gran.

        A siñora lúa,
        branca muiñeira,
        que anda noutra banda
        coas mozas estrelas,

        ao chega-la noite
        de tornar se lembra
        porque ten gandaia
        e non quer perdela.

        Os ventos, mozos do pobo,
        polos agros a cantar,
        terán de rubir ao ceo
        pola noite a rebuldar.

        O sol muiñeiro,
        de pan un anaco,
        que moeu de día,
        farto de traballo
        ao van do poente
        vai asubiando,
        amata o candelo
        e fica deitado.

Ao ver o muiño a escuras
ruben os ventos apresa,
xunto á muiñeira lúa,
e xunto ás mozas estrelas.

        A siñora lúa,
        chisgándolle os ollos
        ás mozas estrelas
        aos ventiños mozos,
        arranxa as parexas,
        cada un ao seu choio,
        e, co máis varudo,
        ponlle ao sol os cornos.

A paroleira anduriña
anda a falar polo baixo
coa bris, vella contequeira
que marmula ante os carballos.

        «Unha noite no muíño
        moitos din que non é ren,
        mais, sabendo aproveitala,
        nela moise moito e ben.»

Florencio Manuel Delgado Gurriarán: Bebedeira (1934)

Versións:

Anxo Rei: A señora lúa; Fronteira de cegoñas; 2003; Pista 1

No hay comentarios :

Publicar un comentario