domingo, 17 de septiembre de 2023

O importante é amar

                                                              O día que o meu sangue teña forza
                                                              pra murchar e arrincar a edra do amor
                                                                                            Lois Pereiro

Hoxe é un día para saír a pasear ao sol.

Mudar a roupa e botar a andar coa mente orientada cara o vacío.

Tal vez ducharse durante hora e media
e abandonar o hotel cun sorriso cómplice para a recepcionista.

Son bonitas as árbores e tamén os insectos do parque.
Pero non tan bonitos como as túas pernas
ou unha viaxe en ferrocarril ata o teu embigo.

Ovos fritos con patacas e unha botella de viño tinto.
Tampouco diría que non a unha cervexa tostada,
nin a unha boa lambetada aos teus pezóns.

Vaia, nunca pensara que este parque fose tan pequeno.
O sol esplende no horizonte.
Sen embargo para min se acabou o espacio
de árbores e insectos desde onde evocarte.

Xa sei.
Irei onde o bar de Nito,
alí, con sorte,
haberá algún blues polo que morrer ou anceiar a posibilidade do crime.
Sentar naquelas mesas e deixarse levar pola caída das horas.
Ser ordinario durante un instante e contar chistes sobre a morte.

E se xa non podo beixar os teus labios ou acariciar o teu rosto sagrado,
que este sol desapareza
e xa non teña ocasión de pasear con dozura polo parque
mentres debullo os derradeiros recordos da miña mocidade.

Quérote tanto, amor, quérote tanto.
¿Foi aquilo o paraíso?
¿Quen me ofrece una esperanza?
¿Ti? ¿Ti? ¿Ou tal vez ti?
É inútil. Non hai nada que facer, nenas.
Ela era, simplemente, irrepetible.
O seu corazón era unha obra mestra da paixón,
a súa alma o gozo tenebroso do desespero,
a súa mirada a inquietante sombra do pracer.

Non, Nito, non.
Non quites ese blues do Oeste.
¿Non ves que lle senta moi ben ao teu bar?
Deixao que soe.
El é o que sentencia que só resta beber
ou pervertir o espírito con algún poema cargado de misteriosa agonía.

Comprendede o meu estado de abandono persoal.
Permitídeme, ainda que só sexa un instante,
un tímido pensamento suicida.

Lino Braxe: O longo día acaba (2002)

Versións:

A caricia da serpe: O importante é amar; A caricia da serpe; 2005; Pista 9

No hay comentarios :

Publicar un comentario