Tinge, tinge os teus beizos co sangue do solpor;
enmourece as tuas olleiras con brétema
e prolonga as tuas cellas con farrapos de noite.
Peitea os teus cabelos co peite da ponte;
enguedella neles a Sírius como unha flor;
acouga no teu peito o rio como un colar.
Coa lanza da tua ollada fura os astros
e pon os luceiros como aneis nas tuas mans
e o sol e a lua como pulseiras nos teus pulsos.
Molla, molla os teus beizos na agua milagreira da saudade,
para que me saiban a caraveis mortos cando os bique.
Morda, morda a tua boca a semiesfera do horizonte,
para que me saiba a laranja roubada cando a beije.
Déita-te sobre o leito do serán
cunha rosa na palma de cada man,
cunha estrela no cume de cada peito;
e agarda-me
co corazón apreixado pola man do degaro.
Cando chegue a coller os ácios da tua vide,
exaltará-se a vida aos ollos meus.
E as vespas serán arcanjos guerreiros,
e regueiros de luz os vermes
e estrelas de cinza as arañas.
E os penedos escalarán o ceo
e as ardentías levarán a fronte de Deus.
Cando chegue a coller as flores do teu jardín,
a ingeleza cantará na miña vida
como un xílgaro nun Piñeiro.
E poderei escorrentar os ciúmes cos abanos das tuas mans,
amarar o hidro do desejo na neve dos teus lenzois,
arranjar o nó da gravata no espello da tua alma,
acender o cigarro nos teus ollos
e me limpar o po co cepillo das tuas verbas
Ricardo Carballo Calero: O silenzo axionllado (1934)
Versións:
Lucía Riveiro: Tinge os teus beizos; Musicando Carvalho Calero (VVAA)*; 2020; Pista 62
*[Concurso musical organizado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) en colaboración coa CRTVG e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, para conmemorar o ano das Letras Galegas 2020, adicado a Ricardo Carballo Calero.]
Suscribirse a:
Enviar comentarios
(
Atom
)
No hay comentarios :
Publicar un comentario