Un repoludo gaiteiro
De pano sedán vestido
Com’ un principe cumprido
Cariñoso e falangueiro,
Antr’os mozos o primeiro
En as suidades sin par,
Tiña costume en cantar
Aló pol-a mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Sempre pol-a vila entraba
Con aquél de señorío
Sempre con poxante brío
C’o tambor s’ acompasaba;
E si n-a gaita sopraba,
Era tan doce soprar,
Que ben fixera en cantar
Aló pol-a mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Todas por él reloucaban
Todas por el se morrían;
Si o tiñan perto, sorrían
Si o tiñan lonxe, choraban.
¡Mal pecado!, non coidaban
que aquel seu frolear
tiña costume en cantar
aló pol-a mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Camiño d’a romería
Debaixo dunha figueira,
Canta meniña solteira
¡Quérote!, lle repetía...,
i él co’a gaita respondía
por a todas emvoucar
pois ben fixera en cantar
aló pol-a mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Elas louquiñas bailaban
E por xunta d’el corrían,
Cegas, cegas que non vían
As espiñas que as cercaban;
Probes pombiñas buscaban
A luz que as iba a queimar,
Pois que él soupera cantar
Aló pol-a mañanciña:
Con esta miña gaitiña
As nenas hei de engañar.
Nas festas, ¡cánto contento!
¡Cánta risa nas fiadas!
Todas, todas namoradas
Déranll’ o seu pensamento;
I él, que d’ amores sedento
Quixo a todas engañar,
Cand’ as veu dimpois chorar
Cantaba nas mañanciñas:
Non sexan elas toliñas,
Non veñan ao meu tocar.
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versiones:
Amancio Prada: Un repoludo gaiteiro; Vida e morte; 1974; Pista 6
Amancio Prada: Un repoludo gaiteiro; Rosas a Rosalía; 1997; Pista 10
Amancio Prada: Un repoludo gaiteiro; Rosalía siempre; 2005; Pista 4
Amancio Prada: Un repoludo gaiteiro; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 6
No hay comentarios :
Publicar un comentario