Alí está, es ti, nun ring interior.
Repito posición:
Golf Alfa Lima India Charlie India Alfa
Ainda que creo que ti,
precisamente ti, quen o diría,
tes algo de esperanza.
Hai nos teus ollos un letreiro de neón.
O neón pertence á vangarda da esperanza.
Lembras?
A mensaxe era:
Lima India Bravo Echo Romeo Delta Alfa Delta Echo
As fotografías apreixaban o jazz da luz.
Os amantes abaneaban
no acordeón do L’Atalante.
O neón brillaba
coa memoria dun río
no traxe branco de Dita Parlo.
Os beixos eran longos,
duraban máis que a fin.
Por eles perdíanse os tranvías
e os barcos.
Como era a mensaxe?
Alfa Mike Oscar Romeo
Outra vez:
Alfa Mike Oscar Romeo
E os pais desacougados vomitaban a factura eléctrica,
boxeadores sen bisté nos corredores da noite noite.
Dende entón,
noto que tes algo de esperanza,
unha araña bébeda de trebón
que prende nas espiñas das nubes de abril,
un lixo de arco iris no ollo
como os pescadores de Fisterra,
un peixe boca de fogo,
un peixe que cría as ovas entre os dentes.
Repito posición:
no ring interior,
emitindo para un sistema exterior.
Cal é a mensaxe? Cambio.
Cal é a mensaxe?
Manuel Rivas: A desaparición da neve (2009)
Versións:
Manuel Rivas e César Morán: Unha chamada perdida; A desaparición da neve; 2009; Pista 13
No hay comentarios :
Publicar un comentario