jueves, 21 de septiembre de 2017

A nai

A nai era o tempero,
o equilibrio no ser e no facer.
Era quen anunciaba cada abrente,
cada estación, cada equinoccio,
cada fase da lúa,
cada sementeira e cada ceifa.

Era un reloxo natural,
unha campá entrañable,
un latexo alerta, acompasado,
unha rosa náutica
sinalando o rumbo de nós todos.

A nai era o ritmo,
a medida íntima do tempo.
Trouxo á luz deste mundo sete fillos,
sete gromos
que abrollaron en Gres
puntualmente
cada dúas voltas da terra tras do sol.

A nai era a palabra
que tecía agarimos,
o alboreo
sobre o noso horizonte florecido.

Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)

Versións:
Uxía Blanco: A nai; Cantos de lembranza; 2014; Pista 12

No hay comentarios :

Publicar un comentario