Meu avó e padriño era zoqueiro
de vira e contraforte,
de taboela no peito,
de xabre en retallo de ameneiro.
Contaba o tempo por zocos
coma quen conta estrelas.
Meu avó era músico,
poeta acompañado.
Con dedos labradores
repinicaba o clarinete
en soutos e rueiros, máis alá
da canseira e da lama dos camiños.
Meu avó era labrego,
sabía de ceifas e restrebas,
temperanzas e lúas,
e invocando a Ceres,
sen sabelo,
celebraba o milagre das anadas.
Meu avó era un mestre.
Ensinoume solfexo e silabario,
nomes de ferramentas e paxaros
e mil sabencias máis.
E amor á vida que se ía,
que se lle foi nos meus doce
deixándome orfo de palabras.
Xosé Neira Vilas: Dende Gres (2004)
Versións:
Manoele de Felisa: O avó Santiago; Cantos de lembranza; 2014; Pista 11
No hay comentarios :
Publicar un comentario