sábado, 4 de mayo de 2019

Queridiña dos meus ollos

      Queridiña dos meus ollos,
saberás como estou vivo
nesta vila donde adoito
dende que cheguín de Xinzo.
Saberás como a Dios gracias
i ó escapulario bendito
non afogamos no mare
como coidaba Xacinto
que é tan valente, abofellas,
como os alentos dun pito.
Saberás como dempóis
me puñeron moi vestido
con roupa azul e amarela,
cal andan todo-los quintos,
e logo todos xuntados,
inda máis de vintecinco,
nos paseamos polas calles,
que era mesmo un adimiro
de tan majos como ibamos,
de tan brancos e tan limpos.
¡Si me viras, queridiña,
cal outras que eu sei me viron!
Cada ollada me botaban
xa de través, xa de fito...
I eran meniñas graciosas
con moita salsa no pico,
mais ningunha deste peito
poido arrincarme un sospiro,
que o teu retrato alí estaba
rabuñado paseniño,
           
que anque de onda ti partín,
prendiña que tanto estimo,
non vin soio, miña xoia,
que ti viñeche comigo.
           
 
      ¡Si souperas cánto peno,
si souperas cál me afrixo
cando me acordo nas noites
daqueles teus cantariños...!
Ora en ti penso disperto,
ora en ti penso durmido,
e sempre en ti estóu pensando
como si foses feitiso.
           
Seique meigallo me deche
na festa do San Martiño,
amasado cos teus dedos
nunha bola de pan trigo.
Mais non o sinto por eso,
que anque me deras martirio,
por vir de ti, queridiña,
como un año recibírao.
           
 
      Nada me distrái, Rosiña,
da pena que por ti sinto;
           
de día como de noite
este meu corazonciño
contigo decote fala,
porque eu falar ben o sinto,
           
un falar amoroso
que me estremeso de oílo.
¡Ai!, qué estrañeza me causa
e soidás e martirio,
pois así cal el che fala,
quixera falar contigo,
cal outros tempos dichosos,
dos nosos amores finos.
           
 
      ¡Cántas veces nos xuramos,
cando lavabas no río
ó pe dun alto salgueiro,
antre risas e sospiros,
           
xa nunca máis separarnos,
xa nunca máis desunirnos!
Mais aqueles xuramentos,
tal como rosas de espiño,
lixeiriños se espallaron
a un sopro dos ventos fríos.
           
Ora, co mar de por medio,
¡adiós, amantes cariños!
Nin ti me ves, nin te vexo
aló na beira do río,
           
naquelas crariñas noites
de folga polos domingos.
           
As amoriñas maduran
nas silveiras dos camiños,
nasen as froriñas brancas
por antre as canas do millo,
           
o río pasa que pasa,
cantan nas ponlas os xílgaros,
todo está verde e frondoso,
todo está fresco e frorido;
sólo nós, Rosa, faltamos
naqueles verdes campiños.
           
 
      Rosiña, dame un consolo
para este dolor que eu sinto.
¡Ai, que os recordos me matan!
¡Ai, que acabarán comigo!
           
Di si inda me queres moito,
mándamo a decir pretiño;
dime si garda-lo pano
que che din por San Benito,
que o merquéi na quinta feira
por doce cartos e pico.
           
Dime tamén si deprendes
pola cartilla de Cristus
a ler como me ofreceches
para ler os meus escritos,
que en sabendo algunhas letras
dempóis irás traducindo.
Eu xa lle perdín o medo
a escribiduras e libros,
pois fago uns palotes netos
de que eu mesmo me adimiro,
tan grandes como fungueiros
e máis gordos, si non minto.
           
 
      Adiós, espreciós che mando
polo burro de Camilo,
que non sei cál che dirá
estas cousas que lle esprico;
mais sabe, miña Rosiña,
Rosiña de doce olido,
que si ti xa ler souperas
os palotes que eu escribo,
escribírache unha carta
nas alas dun paxariño.
           

Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)

Versións:

Najla Shami: Ora en ti penso; Na lingua que eu falo; 2013; Pista 6




aCadaCanto: Dende a Limia; a rosa d’Adina; 2013; Pista 1

No hay comentarios :

Publicar un comentario