domingo, 5 de mayo de 2019

Quero mirar a luz na que caíches

                              A Che Guevara
                              en loita dende as selvas do alén.
                              1967

Quero mirar a luz na que caíches
e alzar a miña man
pechada en puño
apertado de rabia como pedra

quero mirar a luz na que te fuches
a luz
a luz do abrente que te acolle
neste outono de sangue alá na Higuera

non as sombras
as sombras que escurecen
o claror das vitorias e dos soños
na ansiada liberdade das ideas

non

non á negra noite da opresión
á noite da tortura
e máis do medo
non a dor non ao loito e á miseria

ollo a túa luz ergueito nesta cova
neste ichó
no que estamos prisioneiros
e a túa luz nos redime e nos libera

compañeiro
irmán e compañeiro
tenso a miña palabra
e dispároa
á busca da túa luz
                             contra das tebras

Salvador García-Bodaño: Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002) (2004)

Versións:

A Quenlla: Elexía ao Che; 30 anos con A Quenlla de amor, dor e loita; 2014; CD1, Pista 11

No hay comentarios :

Publicar un comentario