sábado, 25 de mayo de 2019

Dame un fogar e sanarei as túas costas

Dame un fogar e sanarei as túas costas.
As túas labiais louvanzas as louvanzas únicas.

Así quero que me contes cómo e cánto me buscaches
e que así rememores todos os nomes da ausencia,
de cando eramos aínda tan remotos cara a cara,
e que queden sepultados baixo o cemento do esquecemento.
E eu
fago unha cova para ti no
                          van do meu abrazo,
                          na sima dos meus brazos,
                  no rexime feudal do oco do meu colo.
A devoción enfermiza
que durmía nunha caixa pequeniña cun diagrama.
E agora a omnipotente resonancia da túa fronte,
e a íntima estancia onde ninguén é máis ca ti.

Tamén ti na viva esfera fixeches unha ofrenda,
aquela sonora e álxida quietude do teu Castelo.

Son a Cristiana.

Hoxe dicíanme que as cousas escuras son cousas terribles.
Tacho as liñas, pecho os libros, teño dereito a un exército.
Desexo mecelos, os nomes brutais que me dabas, mecelos de novo.
Xuntos deixamos caer as nosas diplomaturas co mundo.

Cándo calarán.
O meu nome é Cristiana.

Yolanda Castaño: Vivimos no ciclo das erofanías (1998)

Versións:
Yolanda Castaño*: Dame un fogar; Edénica; 2000; Pista 6



*[A versión musical de Yolanda Castaño foi composta, arranxada, grabada e producida por José Antonio Fernández Calero (Factoría musical SSM).]

No hay comentarios :

Publicar un comentario