domingo, 23 de julio de 2023

Galicia infinda

Galicia é infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
Galicia é infinda!

Bela estrada de ensoños,
con macádam de estrelas,
a Vía Láctea é camino
que leva a Compostela,
hoxe e outrora faro,
á cibdade ecuménica
que alumeou, na Europa,
trebas da Edade Meia.

Polo mundo espallados
van os netos dos celtas.
Dende a austral Buenos Aires
á parroquia labrega;
do New York boligante
ás indianas ribeiras;
da pelica de touro
ata a China de lenda…
Dende o berce sabido
á final cova incerta:
os boscos do Amazonas,
carpaceiras brañegas,
do Courel as searas,
cais da beira do Sena,
de Hong-Kong as baiúcas,
as viñas valdeorresas,
coqueirás das Antillas,
augas bacalloeiras…

Agros, mares e montes,
vilas, cibdades, cities, towns, aldeias,
os recantos do Mundo…
Todo é terra galega!
Galicia é infinda!

Noso meirande río non é o Miño,
galán a namorar moza ribeira,
nin o Sil, gabancioso do seu ouro
e do seu belo enfeite de cepeiras.
O Gulf Stream é o noso río meirande:
río que rega as xirxilantes veigas
e os carreiros de escuma
que ás sereias gorentan;
e dos ríos de choiva,
garimoso de néboas,
que anda a apalparlle os peitos ás montanas
para folgarse coelas
e, afoutado, cobrilas,
pra ser pai de regueiros e fontenlas.
Galicia é infinda!

Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade,
elástica frontera
que serve para o tempo e para o espacio
—onde un galego está, atópase ela—,

mais que ninguén atravesala pode
inda que leve non papés: Poeta.

Florencion Manuel Delgado Gurriarán: Galicia infinda (1963)*

Versións:

Anxo Rei: Galicia infinda; Fronteira de cegoñas; 2003; Pista 2



*[Publicado orixinalmente na revista Saudade, nº4 (México, 1943).]

No hay comentarios :

Publicar un comentario