(Non falemos dos bobos
que tódolo aprenden nos libros.
Non falemos dos parvos
con cara de domingo;
nin dos sapientes memos,
nin dos túzaros listos,
nin do eterno mal gusto
dos probes novos ricos.)
Falemos de ti e min
xa que vivimos.
Ti i eu nos ventos
e nos solsticios.
Ti i eu nos bosques
e nos ríos.
Ti i eu, historia
de corpos nidios.
Ti i eu, saudade
de álbores íntimos.
Ti i eu sin tempo
polo tempo imos.
Ti i eu cantando,
chorando e rindo.
Celso Emilio Ferreiro: Longa noite de pedra (1962)
Versións:
A banda da loba e Guadi Galego: Ti e eu; Bailando as rúas; 2017; Pista 7
No hay comentarios :
Publicar un comentario