miércoles, 30 de abril de 2025

Un tute á morte

Xógaslle un tute á morte, ¡que fermoso!
Ou á ruleta rusa unha partida,
Pos na tempa o revólver suicida,
E tiras do gatillo, xuizoso.

Cobres co naipe falso, mentiroso,
A aposta da contraria: unha caída
Abondará para esnafrar a vida
E ser funambulista prestixioso.

Maldito do poeta ese destino,
Por querer ser maldito e asasino
De si mesmo e chegar antes á gloria.

Queimarase na praza como un bonzo,
Sen sospeitar que o seu cadáver mozo
Vai ser xulgado en falso pola historia.

Ramiro Fonte: O cazador de libros. A rocha dos proscritos [Poemas complementarios, 1994-2004] (2005)

Versións:

Víctor Aneiros: Un tute á morte; Brétemas da memoria; 2010; Pista 8

No hay comentarios :

Publicar un comentario