Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. |
||||
¡Como a triste branca nube truba o sol que inquieto aluma, cal o crube i o descrube, pasa, torna, volve e sube, enrisada branca pruma! |
||||
Xa, dempois, lonxe espallada polos aires fuxitivos, desteñida, sombrisada, nos espazos desatada, cae brillando en raios vivos. |
||||
Misteriosa regadeira fino orballo no chan pousa con feitiña curvadeira, remollando na ribeira frol por frol, chousa por chousa. |
||||
Semellando leve gasa que sotil o vento move, en frotantes ondas pasa refrescando canto abrasa, o que o sol ardente crobe. |
||||
¡Como chove miudiño polas veigas de Campaña! ¡Cal se enxugan de camiño os herbales de Laíño! ¡Como a Ponte en sol se baña! |
||||
Para Caldas todo é escuro, ceo azul lose na Adina, trasparente, limpo e puro; da Arretén no monte duro nube corre pelegrina. |
||||
Triste vai, que á terra toca xa cos pés de branca neve, xa ca fina fresca boca; triste vai, que ós ceos invoca i a bicar o chan se atreve. |
||||
Triste vai cando se abate vaporosa, soia e muda, cando maina as alas bate como un corazón que late ferido por pena ruda. |
||||
Tal maxino a sombra triste de mi maa, soia vagando nas esferas onde existe; que ir á groria se resiste, polos que quixo agardando. |
||||
Vexo o Souto en parda sombra envolvendo o seu ramaxe, que por bon, do Rei se nombra, donde fero o vento asombra, roxe e estala de coraxe. |
||||
I o Palacio, serio e grave, ¡canto en pura luz se baña! Tal parés pesada nave que volver ó mar non sabe, se encallou na fresca braña. |
||||
Vexo Valga á beira hermosa dun camiño todo prata, casta virxe candorosa, sentadiña en chan de rosa, vestidiña de escalrata. |
||||
A San Lois vexo brillando bañado por tintas puras, sol e sombras amostrando, en reposo contemprando montes, auguas e verduras. |
||||
I a Padrón, ponliña verde, fada branca ó pé dun río, froita en frol da que eu quixerde, lonxe miro que se perde baixo un manto de resío. |
||||
¡Que inchadiña branca vela antre os millos corre soa, misteriosa pura estrela! Dille o vento en torno dela: «Palomiña, ¡voa!, ¡voa!» |
||||
Faille arrolo a branda ría cun remanso mormuxante, que nás da arboleda umbría baixo un toldo de alegría, ó calor dun sol amante. |
||||
¡Sol de Italia, sol de amore...! ¿Ti paisax mellor alumas? ¿Ti máis rosas, máis verdore, mellor ceu, máis soave core ves do golfo antre as espumas? |
||||
¡Sol de Italia, eu non sospiro por sentirte ardente raio! Que outro sol temprado miro; docemente aquí respiro nun perene, eterno maio. |
||||
Nesta terra tal encanto se respira... Triste ou probe, rico ou farto de querbanto, ¡se encariña nela tanto quen baixo o seu ceu se crobe!... |
||||
Os que son nela nacidos, os que son dela mimados, lonxe dela están doridos porque van de amor feridos por quen fono amamantados. |
||||
Polos fillos a nai tira, xorda, triste, plañideira, xeme, chora, e mais sospira, e non para, hastra que os mira ben chegar por derradeira. |
||||
¡Probe nai, canto te quero! ¡Nai tamén, ¡ai!, da nai miña! O teu chan de amor prefiero, a canto hai grande ou severo en toda a terra xuntiña. |
||||
¿Como non si ora estou vendo, nun paisax de prata e rosas, canto a vida foi querendo, cos meus ollos remexendo memoriñas cariñosas? |
||||
¡Bosques, casa, sepulturas, campanarios e campanas con sons vagos de dozuras que despertan, ¡ai!, ternuras que en jamáis podrán ser vanas! |
||||
Elas fono as que tocaron cando os meus alí naceron; elas fono as que choraron, elas fono as que dobraron cando os meus avós morreron. |
||||
Elas fono as que alegriñas me chamaban mainamente nas douradas mañanciñas, de mi maa cas cantiguiñas i os biquiños xuntamente. |
||||
Inda vexo onde xogaba cas meniñas que eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba i a fontiña onde bebía. |
||||
Vexo a rúa solitaria que en paz baña un sol sereno, sin que a trube man contraria, igual sempre, nunca varia, veiga llana en campo ameno. |
||||
E tamén vexo enloitada da Arretén a casa nobre, donde a miña nai foi nada, cal viudiña abandonada que cai triste ó pé dun robre. |
||||
Alí está, sombra perdida, vos sin son, corpo sin alma, amazona mal ferida que ó sentir que perde a vida se adormece en xorda calma. |
||||
Casa grande lle chamaban noutro tempo venturoso, cando os probes a improraban, e fartiños se quentaban ó seu lume cariñoso. |
||||
Casa grande, cando un santo venerable cabaleiro con tranquilo, nobre encanto, baixo os priegues do seu manto cobexaba ó perdioseiro. |
||||
Cando os cantos na capilla da Gran casa resoaban con fervor e fe sensilla, rico fruto da semilla que os varóns santos sembraban. |
||||
Ora todo silensioso causa alí medo e pavura, mora esprito temeroso nos salóns onde o reposo fixo un niño ca tristura. |
||||
Risas, cantos, armonía, brandas músicas, contento, festas, dansas, alegría, se trocou na triste e fría, xorda vos do forte vento. |
||||
No gran patio as herbas crecen vigorosas sin coidado, i as silveiras que frorecen no seu tempo fruto ofrecen ós meniños sazonado. |
||||
I ante aquel silencio mudo que a trubar naide alí chega, antre aquel ¡xa fun! tan rudo, vese inteiro un nobre escudo que a desir non son se nega. |
||||
Craros timbres mostra ufano cun soberbo casco airoso... mais detrás dun son tan vano vese o probe orgullo humano, homillado e polvoroso. |
||||
Tras da calada visera, que hai uns ollos feridores que nos miran, se dixera; que nons din: todo é quimera neste mundo de dolores. |
||||
¡Casa grande!, ¡triste casa!, quen de aquí tan soia miro parda, escura, triste masa, ¡casa grande!, pasa, pasa... Ti xa n'es más que un sospiro. |
||||
Meus avós, ¡ai!, xa morreron, os demais te abandonaron, os teus lustros pereceron, i os que millor te quixeron, tamén de ti se apartaron. |
||||
Mes tras mes, pedra tras pedra, ti te irás desmoronando ceñida por sintas de hedra, mentras que outra forte medra, que así o mundo vai rolando. |
||||
¡Mais que lus, que colorido nos espazos se dilata! Luce o sol descolorido i arco de iris xa nacido longa sinta se desata. |
||||
Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. |
Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (1863)
Versións:
Amancio Prada: Como chove miudiño; Vida e morte; 1974; pista 1
Amancio Prada e Amélia Muge: Como chove miudiño; Rosas a Rosalía; 1997; pista 5
Amancio Prada: Como chove miudiño; Rosalía siempre; 2005; pista 3
aCadaCanto: Onde pousei a infancia; a rosa d'Adina; 2013; Pista 5
Amancio Prada: Como chove miudiño; Resonancias de Rosalía; 2014; Pista 8
No hay comentarios :
Publicar un comentario