lunes, 14 de abril de 2014

Cunetas

¡Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
Sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor ¿qué fixemos?
—Non fales en voz alta—
¿Ata cando durará este gran enterro?
—Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia—
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falta
para facer un home!
Teñen que encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres e de obreiros
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodeame unha eterna noite.
Xa non terei palabras pra os meus versos.

Desvelado, pola mañá cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crime
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar teu sorriso.
Nos arrabais
bandeiras batidas e esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os dias
hai un home morto na cuneta
que ninguén coñece ainda.
Unha muller sobre o cadaver do seu home
chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
Mais alá da neboa,
Mais alá do mar,
Mais alá da chuvia,
Mais alá do bosque.

       Lugo, Marzo, 1937

Luis Pimentel: Outros poemas (1981)*

Versións:

A Quenlla: As cunetas; Mais alá da néboa; 1990; Cara B, Corte 6




A Quenlla: As cunetas; As nosas cancións; 1997; Pista 11

(Reedición da versión do disco Máis alá da néboa, do ano 1990.)





Snail: Cunetas; Once máis 15; 2009; Pista 9



*[Araceli Herrero Figueroa: Luis Pimentel: Obra inédita o no recopilada; Ediciones Celta; Lugo, 1981.]

No hay comentarios :

Publicar un comentario