Sementar en leira alléa,
pagar sendo convidado,
comprar a rico e na aldéa,
vender a pobre e fiado…
non é prá ter casa chea.
Muller que adoura á veciña,
rapaza que dorme fora,
pedra limpa da cociña
e meniño que non chora…
non che me dan boa espiña.
Palique de taberneira
e bágoas de bebedor,
amores de costureira
e xastre traballador…
sonche contiños de feira.
Crego que che queira mal,
alcalde no teu outeiro,
escribano no portal
e lume polo palleiro…
salvarás si Dios che val.
Apostar o que se ten,
firmar o que non escribo,
donar sin saber a quén
e dar cartos sin recibo…
penso que no me convén.
Estremeiro pleiteador,
néboas agoentas do río,
boi, ou vaca, escorneador,
e xente de xeñorío…
canto máis lonxe mellor.
Si tes muller parideira
e pagas rendas a frades,
si entra o raposo na eira
e dás de xantar a abades…
non che envexo a capoeira.
Ramón Cabanillas: No desterro (1913)
Versións:
Fuxan os Ventos: Cencia do adro; Quen a soubera cantar; 1981; Lado 2, Crote 1
No hay comentarios :
Publicar un comentario